Nova: As bibliotecas celebran o seu día con actividades para todos os públicos
22/10/2017
As bibliotecas celebran o seu día con actividades para todos os públicos
O Día das Bibliotecas celébrase o 24 de outubro con obradoiros, contacontos, liberación de libros, mostras ou xornadas de portas abertas
As actividades procuran achegar a cidadanía aos servizos bibliotecarios dinamizando as bibliotecas de xestión autonómica
A programación de cada un dos centros está dispoñible tanto en cultura.gal como na app Axenda Cultura
Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2017.- O 24 de outubro é o Día da Biblioteca, unha efeméride que se celebra desde o ano 1997 para lembrar a destrución da Biblioteca de Saraxevo. Para conmemorar esta data, as bibliotecas de xestión autonómica adscritas á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria desenvolven unha extensa programación dirixida a todos os públicos coa que poñer en valor o seu traballo e todos os servizos que lle proporcionan á cidadanía.
Espectáculos, obradoiros, xornadas de portas abertas, contacontos, visitas guiadas, liberación de libros e mostras bibliográficas son algunhas das propostas que se celebrarán na Biblioteca de Galicia, nas bibliotecas públicas de Lugo e de Ourense, na da Coruña Miguel González Garcés, na de Vigo Juan Compañel, na de Pontevedra Antonio Odriozola e na de Santiago de Compostela Ánxel Casal. Esta última continúa co que se está convertendo nunha tradición: recoñecer os mellores lectores adultos e infantís coa entrega do premio Superlectores, mentres que na de Pontevedra se darán a coñecer os gañadores do IV Certame de Relato Curto que a biblioteca convocou o pasado 1 de setembro.
A lectura como ferramenta terapéutica ou solidaria
A biblioteca da Coruña Miguel González Garcés terá unha xornada o día 24 para dar a coñecer o programa R.E.A.D, no que se utilizan cans adestrados para traballar con nenos con dificultades de lectura, para mellorar non só as súas habilidades, senón tamén a autoestima, a motivación, a atención ou a relación cos demais. Haberá dúas sesións, ás 18.00 e ás 19.00 horas.
Pola súa banda, na biblioteca de Vigo Juan Compañel celebrarase un obradoiro literario creativo para contribuír á eliminación de barreiras para os discapacitados. O seu título é A volta ao mundo de Working Wheels e vai ser o día 24, ás 18.30 horas.
Xornada de portas abertas, visitas guiadas e formación
As bibliotecas da Coruña, de Vigo, de Santiago de Compostela, de Ourense e a de Galicia celebrarán xornadas de portas abertas o propio día 24, con visitas guiadas que permitirán ter unha visión máis detallada de todas as posibilidades que pechan os edificios nos que se atopan e os fondos cos que contan.
Ademais, a Biblioteca de Galicia organiza unha mostra cun selección dalgúns dos seus fondos máis singulares, que se poderá visitar na entrada da sede da Biblioteca e Arquivo de Galicia, na Cidade da Cultura, e tamén nos depósitos da biblioteca.
Tamén na capital galega, a Ánxel Casal aproveita a xornada para convocar o concurso de fotografía Lendo en Compostela, que premiará as imaxes que mellor recollan o atractivo da lectura en calquera lugar e momento. Así mesmo, terá unha actividade de formación de usuarios, Quen matou a bibliotecaria?, dirixida a nenos e nenas de 6 a 12 anos coa que os participantes coñecerán os traballos desenvolvidos na biblioteca. Xa o día 26, acollerá sesións de formación sobre GaliciaLe, a plataforma de préstamo de libros electrónicos, que se celebrarán, tamén, o día 24 na biblioteca de Vigo e do 24 ao 27 na da Coruña.
Contacontos
Tampouco faltarán os contacontos para celebrar esta data. En Santiago de Compostela, o luns 23, os bebés serán os protagonistas, con O curral de Cocoricoricó, ás 11.30 horas. Ao día seguinte, os rapaces e rapazas de 4 a 7 anos teñen na Biblioteca Pública de Ourense Contiños con Susana, ás 18.30 horas. E o día 27 pecha os contos a de Lugo, cunha sesión de narración oral que leva por título O círculo máxico dos contos.
Desafío ex libris e outros obradoiros
Dentro do proxecto Ciencias humanas: moito máis que letras chega ás bibliotecas un obradoiro que, a través do deseño e creación dun ex libris pretende achegarlles aos mozos e mozas de 12 a 18 anos as ciencias humanas. É unha iniciativa da Unidade de Cultura Científica do CSIC en Galicia, que acolle o día 23 a Biblioteca de Pontevedra Antonio Odriozola, o 24 a de Ourense, o 26 a da Coruña e o 27 a de Lugo.
O día 28, a Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés ofrece o obradoiro Gargallando, que, dirixido a nenos e nenas de 6 a 12 anos, afonda nas súas capacidades creativas conectándoos co mundo do cinema, a fotografía, a literatura e as artes plásticas mediante a técnica stop motion.
Un mundo de exposicións
As bibliotecas escollen tamén as mostras para poñer en valor o seu traballo e os tesouros que agochan. Desde o día 2 de outubro e ata final de mes, a Ánxel Casal de Santiago expón a mostra bibliográfica Historias de biblioteca, cunha selección de libros infantís que teñen como protagonistas as bibliotecas. Desde o pasado día 6 e tamén ata o día 31, a Antonio Odriozola de Pontevedra acolle Bibliotecas de película: a imaxe das bibliotecas e o persoal bibliotecario no cine. E desde o día 16 pódese ver tamén Uns ratos con moito conto, unha selección de obras de literatura infantil relacionadas coa lectura e as bibliotecas.
Pola súa banda, a Juan Compañel de Vigo ofrece desde o día 16 e ata o 4 de novembro unha mostra bibliográfica sobre a biblioteca do Nautilus, A biblioteca do capitán Nemo. E mañá, día 23, abre a mostra Tesouros en vitela e papel: bibliotecas de libros especiais, na que se fai un percorrido polas bibliotecas de conservación de libros antigos, manuscritos ou raros. Poderase visitar ata o 18 de novembro.
Mentres, en Lugo, a biblioteca mostra o día 24 Érase unha biblioteca, que ten como eixo central libros e películas cuxa acción transcorre entre andeis e catálogos, así como outras nas que os bibliotecarios son os protagonistas, lembrando a importancia destes centros de lectura nas nosas vidas.
Outras actividades
As campañas de liberación de libros chegan tamén ás bibliotecas, os xa populares bookcrossing. Na Ánxel Casal de Santiago desde o pasado día 16 e ata o 24 de outubro deixan libros por diferentes espazos do edificio para que, despois de lelos, os lectores e lectoras poidan liberalos noutro lugar. A Biblioteca Pública de Lugo farao o día 24.
A biblioteca compostelá tamén organizará o 25 de outubro, ás 18.30 horas, o espectáculo As Parábolas de Pakolas, dirixida a un público familiar. Ese mesmo día, ás 20.00 horas, a Miguel González Garcés da Coruña acolle a conferencia do arqueólogo e museólogo Felipe Senén Gómez Tradición, creación e perversións na cultura galega, que analiza as orixes e particularidades da cultura de noso nun mundo que tende á uniformidade.
Esta programación especial con motivo do Día da Biblioteca pode consultarse na páxina web www.cultura.gal ou a través da app Axenda Cultura.