Nova: Constituída a comisión que estudará a posibilidade de incorporar ao patrimonio público o pazo de Meirás

29/11/2017

Constituída a comisión que estudará a posibilidade de incorporar ao patrimonio público o pazo de Meirás

Este grupo de traballo nace para dar cumprimento a un mandato parlamentario e está conformado por un total de 11 estudosos e expertos do ámbito académico, xurídico e patrimonial

  • Unha vista do pazo de Meirás Unha vista do pazo de Meirás

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2017.- A Comisión que estudará a posibilidade de incorporar ao patrimonio público o pazo de Meirás quedou constituída esta tarde nunha reunión conxunta entre todos os membros que a compoñen, na que se contou coa presenza do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; e do secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén.

Coa creación deste grupo de traballo, a Xunta dá cumprimento ao acordo parlamentario do pasado 27 de setembro, no que se recolle o mandato de “realizar un estudo xurídico, en colaboración coas universidades galegas, que analice a posibilidade e os mecanismos que, respectando a legalidade vixente, permitan incorporar ao patrimonio público a propiedade das Torres de Meirás, tamén coñecidas como pazo de Meirás, actualmente en mans dos herdeiros legais de Francisco Franco, xefe do Estado español durante os 40 anos da Ditadura, e sen que a dita incorporación ao patrimonio público implique un novo custo para o pobo de Galicia, que xa o asumiu no ano 1938”.

A comisión está conformada por 11 axentes representativos do eido académico, xurídico e patrimonial, todos eles expertos no ámbito de estudo. Ademais, tamén forma parte do grupo un representante do concello de Sada. Pola súa banda, a Deputación da Coruña non asignou ningún representante.

Presidida polo catedrático Núñez Seixas

En concreto, a comisión está presidida polo catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Xosé Manoel Núñez Seixas. O resto dos representantes son persoas vinculadas con Facenda, coa Asesoría Xurídica e coa Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta, coa USC, coa Universidade da Coruña e de Vigo, co Colexio de Notarios, co Colexio de Rexistradores e co Concello de Sada.

Núñez Seixas, catedrático de Historia Contemporánea pola USC e pola Ludwig-Maximilians-Universität München, está especializado no estudo comparado dos nacionalismos europeos e ibéricos. De feito, entre as súas obras destacan Imperios de muerte. La guerra germano-soviética, 1941-1945; Internacionalitzant el nacionalisme: El catalanisme polític la qüestió de les minories nacionals a Europa (1914-1936); ou Camarada invierno. Experiencia y memoria de la División Azul, 1941-1945. Tamén cómpre destacar os seus estudos migratorios, como é o libro O inmigrante imaxinario: estereotipos, representacións e identidades dos galegos na Arxentina (1880-1940), que aborda a inmigración galega en Arxentina.

 

Comparte