Nova: Rematados os traballos de limpeza e restauración das Burgas de Abaixo de Ourense

15/12/2017

Rematados os traballos de limpeza e restauración das Burgas de Abaixo de Ourense

A actuación contou cun investimento da Xunta de Galicia de 16.000 euros e incluíu limpeza en seco e química da pedra, eliminación e reposición do encintado así como a eliminación de grafitis, chicles, pinturas e manchas

Ourense, 15 de decembro de 2017.- A Xunta, a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, vén de rematar hoxe na capital ourensá as obras de limpeza e restauración de As Burgas, concretamente das Burgas de Abaixo, uns traballos aos que se destinaron preto de 16.000 euros.

Esta actuación executouse ao abeiro dun convenio de cooperación asinado o pasado mes de outubro entre o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o alcalde da cidade, Jesús Álvarez, co obxectivo de procurarlle a este monumento o tratamento que merece como ben de gran valor cultural, erixido, ademais, en emblema e reclamo turístico da cidade.

Esta intervención, incluída no Plan estratéxico para a protección e conservación do patrimonio cultural de Galicia da Consellería de Cultura, buscou corrixir os efectos causados polo paso do tempo e pola propia auga no ben. Así, os traballos incluíron unha limpeza da pedra, tanto en seco como con produtos químicos, que se fixo integramente a man; eliminación e reposición do encintado; así como a eliminación de grafitis, chicles, pinturas e manchas.

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, subliña o compromiso do Goberno galego co mantemento do patrimonio cultural e incidiu en que as construcións históricas precisan dunha protección activa que evite que esmorezan e se deterioren co paso do tempo.

 

Comparte