Nova: O CGAI abre a temporada con cine español de autor e as novas restauracións de Buster Keaton e Satyajit Ray

12/09/2014

O CGAI abre a temporada con cine español de autor e as novas restauracións de Buster Keaton e Satyajit Ray

A filmoteca galega retoma este martes 16 de setembro a súa actividade de proxección cunha programación bimestral que suma 67 títulos ao longo de 60 sesións na súa sala da Coruña e outras seis xornadas de cinema na súa extensión de Ourense

Comisariado por Carlos Losilla, o ciclo titulado ‘Un impulso colectivo’ presentará unha escolma de filmes representativos da frescura e fortaleza do chamado ‘outro cine español’

O Centro Galego de Artes da Imaxe completará a súa oferta cunha nova entrega do Desencadres, sobre Mike Hoolboom e Stan Brakhage, ademais de acoller cinco fitas de xénero fantástico para o festival Freakmacine, entre outras propostas

  • El maquinista El maquinista
  • Charulata Charulata

A Coruña, 12 de setembro de 2014.- O Centro Galego de Arte da Imaxe (CGAI) abre a próxima semana a nova temporada 2014-2015 cunha ampla programación bimestral que suma a proxección dun total de 67 títulos ao longo de 60 sesións na súa sala de exhibición da Coruña, ademais doutras seis citas cinematográficas na extensión que se desenvolve no Cineclube Padre Feijoo de Ourense.

Un ciclo de seis películas dedicado ao novo cine español, comisariado por Carlos Losilla baixo o título ‘Un impulso colectivo’, así como as últimas restauracións de películas do cineasta indio independente Satyajit Ray (1921-1992) e do lendario Buster Keaton, constitúen os principais reclamos desta intensa carteleira. A oferta completarase con novas entregas dos apartados Fóra de Serie, Off Galicia, CGAI Júnior e Desencadres, desta volta sobre Mike Hoolboom e Stan Brakhage, ademais de cinco propostas de xénero fantástico para o festival Freakmacine e de promover a presenza en Galicia de figuras como Hoolboom e Paulino Viota e Adolpho Arrietta para a presentación persoal das súas obras.

A programación iniciarase na Coruña o martes 16 de setembro coa proxección de ‘Un toque de violencia’, de Jia Zhanke, e prolongarase ata o 31 de outubro, día para o que está previsto ‘Norte, the End od History’, de Lav Díaz, ambas fitas dentro de Fóra de Serie, categoría dentro da que tamén se inserirán títulos como ‘Diamantes negros’, de Miguel Alcantud; ‘Vancaza permanente’, de Arrieta/Viotta; ‘El congreso’, de Ari Folman; ou ‘Snowpiecer’, de Bong Jonh-ho.

O mércores 17 de setembro terá lugar a primeira sesión da serie de películas recentemente restauradas, conformada por seis longametraxes de Satyajit Ray: ‘La gran ciudad’, ‘Charulata’, ‘El cobarde’, ‘El santo’, ‘El héroe’ e ‘El Dios Elefante’, así como dun completo ciclo de 13 curtas e longas clásicas, agora en copias de alta definición dixital, protagonizadas por Keaton nos anos 20 como o mellor exemplo do seu talento cómico, tales como ‘Las tres edades’, ‘La ley de la hospitalidad’, ‘El moderno Sherlock Holmes’, ‘El maquinista de la general ou ‘El cameraman’.

Xerar espectadores capaces
O cine español recente de autor quedará tamén retratado na filmoteca galega do 7 ao 15 de outubro ao longo das seis películas seleccionadas polo crítico Carlos Losilla dentro do ciclo ‘Un instante colectivo’, diferentes obras en xéneros e estilos unidas polo denominador común de —segundo os organizadores— procurar espectadores capaces de dialogar e de debater, non cómplices nin reféns.

Integran este especial os títulos galegos ‘Une histoire seule’, de Xurxo Chirro e Aguinaldo Fructuoso e ‘El triste olor de la carne’, de Cristóbal Arteaga; ademais de ‘Ilusión’, de Daniel Castro; ‘Uranes’, de Chema García Ibarra; ‘Sobre la marxa’, de Jordi Morató e ‘Slimare’, de José A. Alayón.

A sección Desencadres, destinada a cine de vangarda, destinarase a Stan Brakhage e ao canadense Mike Hoolboom, artista canadense que traballa en celuloide e vídeo, quen ofrecerá o 14 de outubro na sede do CGAI na Coruña unha presentación da súa obra grazas á colaboración emprendida con Curtocircuíto, o Festival Internacional de Curtametraxes de Santiago de Santiago de Compostela. Canto a Brakhage, exhibiranse as cinco películas da serie Sincerity, montadas entre 1973 e 1980 e que desenvolven un período que cubre trinta anos da biografía do creador e da súa familia.

O VI Freakemacine, certame especializado en ciencia-ficción, terror e fantástico, ofrecerá nesta ocasión no CGAI cinco sesións. Ademais das xa habituais curtametraxes a competición, verase o filme colectivo inspirado no ‘grand guignol’ escénico, ‘The Theatre Bizarre’, seis historias de terror con Tom Savini entre os directores. Ademais, celebrarase o segundo centenario do pasamento no manicomio de Charenton do marqués de Sade, o lendario escritor, pensador e libertino francés reivindicado pola vangarda histórica do século XX. Dúas longametraxes de culto cobren esta homenaxe: ‘Marquis’, de Henri Xhonneux, filme biográfico de animación sobre o afamado pensador con guión do escritor Roland Topor; ‘Saló o los 120 días de Sodoma’, o descarnado e derradeiro filme de Pier Paolo Pasolini antes do seu asasinato, un retrato do horror do fascismo inspirado nunha das obras máis coñecidas de Sade.

Programación en Ourense
Froito dun convenio asinado o pasado ano pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Asociación Cultural Cineclube Padre Feijoo, a programación do CGAI continúa nesta nova temporada coa súa extensión a Ourense.

As proxeccións, que teñen lugar os luns na Biblioteca Pública Nodal, incluirán un ciclo sobre a ilustración formado por tres títulos e motivado polo 250 aniversario do pasamento do Padre Feijóo, o que permitirá proxectar tamén os días 11 e 12 de outubro ‘El siglo de las luces’ de Humberto Solás e ‘A los que aman’ de Isabel Coixet o 13 de outubro.

O calendario detallado coas datas e horarios das diferentes sesións, así como a información sobre prezos e venda de entradas, está dispoñible para a súa consulta na páxina web www.cgai.org.

Comparte