Nova: O cadro de Castelao A derradeira leición do mestre viaxará por primeira vez a Galicia
16/01/2018
O cadro de Castelao A derradeira leición do mestre viaxará por primeira vez a Galicia
O óleo, que nunca saíu da Arxentina, exhibirase nunha exposición sobre Castelao prevista para o último trimestre deste ano na Cidade da Cultura
O Centro Galicia de Bos Aires acepta a súa cesión temporal tras unha longa negociación iniciada polo conselleiro Román Rodríguez na súa última viaxe a Arxentina
Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2018.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de chegar a un acordo co Centro Galicia de Bos Aires para exhibir por vez primeira en Galicia a obra de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao A derradeira leición do mestre, cadro que nunca ten saído de Arxentina e que se considera clave na traxectoria do intelectual e artista de Rianxo.
Este óleo de dous metros de altura, que se atopa nas dependencias do Centro Galicia de Bos Aires, formará parte dunha exposición sobre Castelao prevista no Museo Centro Gaiás da Cidade de Cultura para o último trimestre deste ano.
O acordo prodúcese despois dunha negociación co Centro Galicia de Bos Aires que iniciou o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González, durante a súa viaxe a Bos Aires con motivo da última edición da Feira do Libro. A cesión temporal da obra materializarase a mediados do vindeiro mes de febreiro coa sinatura dun convenio.
A Consellería de Cultura, que agradece a boa disposición da directiva do Centro Galicia de Bos Aires, está a precisar agora as condicións técnicas deste préstamo co fin de conseguir que o traslado desde a Arxentina se realice coas maiores condicións de seguridade e baixo os estándares profesionais máis elevados.
Nado en Rianxo no 1886, Castelao viuse obrigado a emigrar a Bos Aires, cidade na que morreu o 7 de xaneiro do ano 1950. É no ano 1945 cando Castelao pinta este óleo baseado na estampa número 6 do libro Galicia Mártir e na que retrata a un mestre asasinado ante dous rapaces que se laian conmocionados.
A exposición sobre Castelao forma parte da programación do Museo Centro Gaiás para o 2018, na que tamén se inclúen outras dúas mostras destacadas. Por unha banda, Galicia Universal. A arte galega nas coleccións de ABANCA e Afundación, a maior exposición sobre artes plásticas galegas realizada nos últimos anos, e Pestana. A verdade entre as mans, un proxecto realizado en colaboración co Instituto Cervantes na que se recupera a obra dun fotógrafo galego recoñecido polos retratos de xenios literarios do século XX.