Nova: A Xunta impulsa a declaración de BIC das estatuas de Abraham e Isaac do Mestre Mateo, propiedade dos Franco

05/02/2018

A Xunta impulsa a declaración de BIC das estatuas de Abraham e Isaac do Mestre Mateo, propiedade dos Franco

A resolución, que afecta ás esculturas que se conservan da primitiva fachada medieval deseñada polo Mestre Mateo para a Catedral compostelá, publícase hoxe no DOG

Ábrese un período de información pública dun mes e comeza a conta atrás para a que a actuación sexa efectiva nun prazo máximo de dous anos

 

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2018.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, á vista do informe emitido polos servizos técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, no que se acreditan como elementos sobranceiros do acervo cultural galego polo seu significado, a súa procedencia e a xenialidade do seu autor, vén de resolver a incoación do procedemento para declarar ben de interese cultural as nove esculturas do Mestre Mateo procedentes da desaparecida fachada occidental da catedral de Santiago de Compostela, dúas das cales, aquelas que representan aos profetas Abraham e Isaac, pertencen na actualidade á familia Franco.

Os devanditos elementos acreditan o valor suficiente para ser declarados bens de interese cultural. Como a súa orixe é diversa, a proposta consistirá en declaralas de xeito individual e non como colección.

Tras a publicación da resolución, ábrese un período de información pública dun mes, contando desde o día seguinte ao da publicación da mesma no Diario Oficial de Galicia, co fin de que as persoas que poidan ter interese poidan examinar o expediente e alegar o que considere conveniente. O expediente deberá resolverse no prazo máximo de 24 meses, contados a partir da data da resolución. Toda a información relativa á mesma pode consultarse no link https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180205/AnuncioG0164-260118-0002_gl.html

Pezas recoñecidas e en bo estado

Trátase dunha serie de nove pezas e figuras románicas ben coñecidas e que gozan de notoriedade pública tras a exposición monográfica dedicada ao Mestre Mateo no Museo del Prado. Unha mostra promovida polo propio centro museal madrileño, a Real Academia Galega de Belas Artes e a Fundación Catedral de Santiago, e que contou coa colaboración da Xunta de Galicia.

As esculturas teñen unha cronoloxía comprendida entre o ano 1188 e o 1211. Dúas delas representan ao Rei David e ao Rei Salomón, mentres que outras asócianse con Abraham ou Xeremías, con Isaac ou Ezequiel, con Enoc, con Elías, cun Rei bíblico, Fernando II de León ou Santiago Miles Christi, e co Profeta Malaquías. Unha última peza queda descrita de xeito xenérico como cabeza de estatua e columna. Os bens artísticos incluídos están tanto en mans particulares como custodiados en institucións públicas do talle do Museo da Catedral de Santiago ou do Museo de Pontevedra.

O estado de conservación é desigual en relación ao diferente destino que tiveron despois de variar a súa posición orixinal. Pero na actualidade, como resultado dos procesos de restauración realizados de forma previa á súa exposición pública no marco da antedita mostra, amosan un bo estado de mantemento xeral. Así mesmo, cómpre lembrar que a declaración de BIC é un recoñecemento de valor cultural que non afecta á titularidade do ben e que supón para os seus propietarios o deber de habilitar un mínimo de catro días de visita ao mes.

O contexto das pezas

Na Idade Media os artistas traballaban agrupados nos gremios e formaban parte dun taller formado polo mestre que dirixía o obradoiro e aos seus axudantes. Por tanto, con respecto a autoría das pezas estamos a falar do Mestre Mateo como director dun gran equipo que foi capaz de desenvolver o seu proxecto para a Catedral no prazo aproximado de cincuenta anos.

En concreto, Mateo foi o artífice na Catedral compostelá do principal conxunto escultórico medieval dos Camiños de Santiago, que aglutina coñecementos técnicos, artísticos, teolóxicos, musicais e simbólicos do seu tempo, para crear un espazo harmónico de gran refinamento espacial e plástico, e non coñece parangón ata o Renacemento italiano.

A serie de esculturas, que outrora integraban esta figuración monumental que Mateo propón para a entrada occidental da catedral de Santiago, aínda que estean fóra do seu contexto orixinal, permiten a identificación do proxecto arquitectónico. Trátase dunhas obras que implicaron un profundo cambio no templo durante o seu proceso construtivo, outorgándolle personalidade ao conxunto da obra, completando a mensaxe do Pórtico da Gloria.

 

Comparte