Nova: Reábrese o auditorio de Gondomar, tras melloras para unha programación cultural de calidade

17/09/2014

Reábrese o auditorio de Gondomar, tras melloras para unha programación cultural de calidade

  • Auditorio Municipal de Gondomar Auditorio Municipal de Gondomar

Gondomar (Pontevedra), 17 de setembro de 2014.-  O auditorio de Gondomar reabriuse hoxe tras as obras de mellora da instalación, ás que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destinou 170.000 euros, que foron achegados en dúas anualidades. A primeira, correspondente ao ano 2013 foi de 20.000 euros e os 150.000 euros restantes, foron aportados no presente ano. Por este motivo, o titular deste departamento, Xesús Vázquez Abad, asistiu ao acto de reapertura, xunto ao rexidor da localidade, Fernando Guitián.

As intervencións, que se fixeron en colaboración co concello de Gondomar, tiveron como obxectivo a reordenación do acceso exterior ao conservatorio para facilitar un mellor servizo aos usuarios, onde ademais se definiu unha zona para carga e descarga. Así mesmo, acondicionouse o vestiario e os camerinos para os artistas, ao tempo que se ampliou o escenario do auditorio e a platea. A maiores realizouse un novo vestíbulo de acceso, que se uniu ao principal.

O obxectivo destas novas instalacións é favorecer o acceso da veciñanza de Gondomar ás manifestacións artísticas que o concello ofrece dentro da súa política cultural, e promover a súa participación nas mesmas.

A través deste tipo de convenios, Cultura e Educación implícase especialmente no acondicionamento e equipamento de infraestruturas de carácter sociocultural existentes que non se atopan en condicións óptimas para o seu uso, para que os distintos concellos de Galicia poidan ofrecer á poboación unha oferta cultural axeitada á programación feita polos mesmos e outras entidades, e aprobada, en definitiva, pola consellería; para conseguir unha implicación da sociedade galega nos distintos actos culturais.

Deste xeito a consellería reitera o seu compromiso por dotar ás zonas máis afastadas dos circuítos habituais das grandes cidades de espazos axeitados nos que poder ofrecer unha ampla e variada oferta de actividades, achegando así a cultura a todas as galegas e galegos.

Comparte