Nova: Axudas de 40.000 euros a 19 festivais de carácter afeccionado
18/09/2014
Axudas de 40.000 euros a 19 festivais de carácter afeccionado
A Agadic fomenta así o teatro, a danza, a maxia e a música de base que desenvolven entidades municipais, universitarias e privadas
Haberá achegas económicas a nove eventos de música e oito de artes escénicas, así como outros dous que combinan no seu programa ambos eidos artísticos
Santiago, 18 de setembro de 2014.- Un total de 19 festivais, mostras, ciclos e certames escénicos e musicais de carácter afeccionado, organizados en Galicia por outras tantas entidades municipais, universitarias e privadas, beneficiaranse das subvencións específicas convocadas pola Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), cunha dotación total de 40.000 euros.
A partir da posta en marcha desta liña de axudas en 2013, Cultura e Educación enmarca nunha convocatoria pública, regular e sistematizada, a súa colaboración e o seu recoñecemento ao importante labor de fomento e de creación de públicos que se realiza desde o ámbito amateur. Xa no terreo profesional, a Agadic resolveu o pasado mes de agosto a súa convocatoria de axudas a festivas profesionais de escena e de música, mediante a que este ano distribuíu un total de 360.000 euros entre 26 eventos.
Das 19 citas de carácter afeccionado beneficiarias da convocatoria de 2014, nove encádranse na categoría de música e oito corresponden a festivais e mostras de teatro, danza e maxia, mentres que as dúas restantes combinan estas diferentes manifestacións artísticas na súa programación. Neste último caso sitúanse o encontro De Perto-Espazos de Cultura no Barco, subvencionado con 2.518,60 euros, mailo Concurso de Música e Baile Tradicional que a Asociación Cultural Xacarandaina organiza na Coruña e que este ano recibe 1.903,09 euros a través destas axudas.
Citas consolidadas
En canto á modalidade de festivais musicais, a Consellería apoia eventos históricos ou xa consolidados no panorama da cultura de base en Galicia. Así, os nove adxudicatarios neste apartado son o Festival da Canción do Grove (3.640,91 euros), as Noites Rock de Cambre (2.865,76 euros), o XXI Festival de Bandas de Música de Silleda (2.806,53 euros), o XIX Ciclo de Concertos da Asociación Galega de Compositores na Coruña (2.221,68 euros), o XXI Festival de Bandas de Música de Galicia en Vila de Cruces (1.848,26), o XXI Revoltallo de Valadares en Vigo (1.795,24), o XXV Ciclo de Órgano e Música Antiga de Xunqueira de Ambía (1.736,50 euros), o Festival Ameixa Rock de Carril en Vilagarcía de Arousa (800 euros) e o XIII Certame da Canción Mariñeira de Laxe (718,49 euros).
Por último, dentro do ámbito escénico subvenciónanse a XXIV Mostra de Teatro Popular Maruxa Villanueva de Chantada (3.294,81 euros), a III Mostra de Teatro Afeccionado do Teatro Colón na Coruña (3.082,14 euros), a XV Mostra Internacional de Teatro Amador de Palas de Rei (2.500 euros), o XXVIII Festival Internacional de Danza da Asociación Falcatrueiros en Monterroso (2.047,94 euros), o XII Festival de Teatro Afeccionado Agustín Magán que organizou en Santiago a Federación Galega de Teatro Afeccionado (1.992,96 euros), o Encontro Internacional de Maxia de Redondela (1.734,05 euros), Teatrofilia-XI Mostra de Teatro Amador de Vedra (1.174,64 euros) e a XV Mostra de Teatro Universitario de Galicia da Universidade de Santiago de Compostela (932,63 euros).
A resolución desta convocatoria pode consultarse nas seccións de avisos e de axudas da web da Agadic (www.agadic.info).