Nova: A Xunta de Galicia investirá 1,8 millóns de euros na restauración do Mosteiro de Sobrado dos Monxes

21/02/2018

A Xunta de Galicia investirá 1,8 millóns de euros na restauración do Mosteiro de Sobrado dos Monxes

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a licitación dos traballos, que teñen por obxectivo recuperar o esplendor deste conxunto monumental

  • Foto Turismo.gal

Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2018.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a licitación do contrato de obras para a conservación e posta en valor no conxunto monumental do mosteiro de Santa María de Sobrado dos Monxes; así como o do contrato de servizo de dirección de execución material de obra (DEM) e a coordinación en materia de seguridade e saúde (CSS) das mesmas. O importe de licitación das actuacións, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (80%), no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, ascende a case 1,8 millóns de euros.

O proxecto define unha actuación para eliminar as filtracións de auga, as humidades e a contaminación biolóxica existente de algas, liques e bacterias na cantería histórica así como de sucidade e depósitos tanto no exterior como no interior da igrexa. Tamén se solucionarán as patoloxías de colonización biolóxica nas torres e portadas da igrexa e capelas de San Xoán, Rosario, na sancristía e nos demais elementos escultóricos existentes tanto no exterior como interior da igrexa (entaboamentos, arcos faxóns, bóvedas e medallóns), e as que afectan ao retablo da capela do Rosario, que será restaurado.

Diversas actuacións

Ademais, eliminaranse os elementos distorsionadores e alleos á natureza do ben, tales como o almacén colindante coa capela de san Xoán – que se demolerá-, os remates de tella nos pináculos e os elementos e acabados de formigón e axustes de nivel na cornixa existente. Así mesmo, melloraranse as condicións de habitabilidade e accesibilidade da igrexa e acondicionarase como espazo de lectura a antiga capela dos monxes no claustro da Hospedería.

Para iso, renovarase de forma integra a cuberta da igrexa con tella curva tomada con espuma e ganchos de aceiro inox sobre fibrocemento, revestirase o cupulino da lanterna no cruceiro con chapa de zinc e substituiranse as xuntas de fábrica en mal estado. Tamén co fin de eliminar as humidades, desenvolveranse traballos de drenaxe, de impermeabilización e de adaptación das carpinterías metálicas para mellorar a ventilación. Por outra parte, limparanse os muros e os elementos afectados pola colonización biolóxica e aplicarase un tratamento antiherbicida e funxicida nos paramentos da igrexa.

Un ben senlleiro

O obxectivo desta actuación, que se desenvolverá en tres anualidades, é recuperar o esplendor deste senlleiro conxunto monumental. Non en balde, ademais de ser recoñecido como ben asociado aos Camiños do Norte na Lista do Patrimonio Mundial, o Mosteiro de Sobrado dos Monxes é Ben de Interese Cultural desde 1931 e, polo tanto, goza da máxima protección legal.

A Igrexa de Sobrado ten planta de cruz latina de tres naves no eixo central e unha transversal no cruceiro cun presbiterio ou capela Maior de forma rectangular sen retablo. Segue a traza medieval cisterciense que foi derrubada en 1620 e que foi construída cunha nova traza entre 1630 e os primeiros anos do século XVIII, cunha orde composta con entaboamento de modillóns e metopas. As tres naves están separadas por piastras compostas nas que apoian grandes arcos de medio punto que separan as bóvedas das naves.

A nave central, máis elevada e de maiores dimensións que as laterais, está cuberta con bóveda de medio canón sobre arcos faxóns decorados con cadrados que van marcando tramos con lunetos e fiestras circulares e abucinadas. A fachada barroca, moi singular e atribuída a Pedro de Monteagudo, está composta por un corpo central e dous laterais con dúas torres octogonais na parte superior onde se atopan as campás. Na parte superior da porta da entrada, presenta unha hornacina cun frontón partido, coa virxe da Asunción entre dúas columnas compostas.

Restos cistercienses

A capela medieval de san Xoán, xunto cos restos da cociña, antiga sancristía e sala Capitular, son dos poucos restos cistercienses que permanecen da antiga igrexa medieval (s. XII). A capela do Rosario (s. XVII) e a sancristía (s. XVI), barroca e renacentista respectivamente atribúense a Domingo de Andrade e Juan de Herrera.

A entrada ao mosteiro faise a través da Ponte do Arco, no que se situaba a Casa das Audiencias, e a continuación atópase o espazo da Vía Sacra, que percorrían os peregrinos ata o acceso ao mosteiro e no que se encontra a igrexa parroquial de San Pedro da Porta. A edificación da entrada corresponde ao claustro de Hospedería ou dos Peregrinos formando ángulo coa fachada da igrexa. A través da Hospedería accédese ao claustro dos Medallóns ou das Procesións que ten tamén unha entrada lateral á igrexa. O terceiro claustro é o Grande ou de san Pedro de Mezonzo finalizado no 1753.

 

Comparte