Nova: Espazos Sonoros pon en valor o patrimonio organístico galego
19/09/2014
Espazos Sonoros pon en valor o patrimonio organístico galego
Propón para o domingo 21 un percorrido guiado por órganos históricos de Santiago de Compostela e de Padrón
A xornada rematará cun concerto no órgano barroco de Iria Flavia a cargo de Marco Aurelio Brescia, baseado no libro persoal do mestre de capela Melchor López
Os máis pequenos poderán achegarse ao mundo do órgano e dos seus oficios no obradoiro que acolle mañá a igrexa da Universidade de Santiago de Compostela
Santiago, 19 de setembro de 2014.- Logo do concerto inaugural a cargo do grupo italiano laReverdie o pasado 14 de setembro, na igrexa de Santa María de Baiona, o ciclo Espazos Sonoros 2014 da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria regresa esta fin de semana con diversas propostas para achegarlle á cidadanía o patrimonio organístico galego.
Despois de dúas experiencias de éxito percorrendo os órganos da Mariña de Lugo e da diocese de Ourense, nesta nova edición continúan as roldas pola paisaxe organística cunha aproximación ao patrimonio da cidade de Santiago de Compostela, que se estenderá tamén a Padrón. A visita, que comezará o domingo día 21 ás 10:30 horas e na que poderán participar as persoas inscritas, contará coa participación dun grande experto en organería, Marco Aurélio Brescia.
Marco Aurélio Brescia en concerto
O investigador e organista italo-brasileiro será tamén o encargado de pechar a xornada cun concerto no órgano barroco da igrexa de Iria Flavia, gratuíto e aberto ao público ata completar as localidades. Nel presentará un programa baseado no libro persoal de órgano de Melchor López (1759-1822), unha importante antoloxía de obras compilada polo que fora mestre de capela da Catedral de Santiago.
Espazos Sonoros completa a programación dedicada ao patrimonio organístico cun obradoiro infantil de organería, mañá sábado, ás 16:30 horas, na igrexa da Universidade, en Santiago de Compostela. Os nenos e nenas de máis de 6 anos que estean inscritos na actividade terán ocasión de experimentar coa arte dos órganos históricos nunha sesión de traballo e de xogo.
Música antiga co coro E Ultreia
Promovido por Cultura e Educación, a través do departamento de Cultura, Espazos Sonoros 2014 ofrece unha completa programación artística, que dirixe Belén Bermejo, polas catro provincias galegas, que se prolongará ata o 26 de outubro. A próxima fin de semana, o sábado 27 de setembro, ás 19 horas, o ciclo contará coa participación dunha das máis recoñecidas formacións corais galegas, o Coro E Ultreia, que, na igrexa da Nosa Señora dos Desamparados de Abades, recreará o ambiente musical que caracterizou as celebracións relixiosas ao longo da historia do santuario.
Ese mesmo día, Espazos Sonoros organizará unha xornada de patrimonio, natureza e lecer na contorna do santuario de Abade, con visitas, entre outras, á mámoa de Chousa Nova, ao pazo da Viña e aos muíños do río Cervantiña. O prazo de inscrición para participar na xornada permanecerá aberto ata o 24 de setembro, no enderezo electrónico actividades@espazossonoros.org.
O domingo 28 de setembro será a quenda do cuarteto Skirion. Os catro mozos galegos, profesionais do saxofón, ofrecerán un concerto, ás 19 horas, en Esgos (Ourense). Previamente, as persoas que o desexen poderán participar nunha ruta polo Camiño Real de San Pedro de Rocas, que dará comezo ás 15 horas no Centro de Interpretación da Ribeira Sacra. O prazo de inscrición estará aberto ata o 24 de setembro.
Músicas en espazos de interese cultural
Co fin de promover a posta en valor do patrimonio cultural galego, tanto material como artístico, e fomentar o interese musical e creativo do conxunto da poboación de Galicia, Espazos Sonoros ofrécelle á cidadanía unha programación de calidade en contornos destacados do patrimonio cultural, que se prolongará ata o vindeiro 26 de outubro e que chegará tamén aos concellos de Betanzos, Allariz, Pantón, Monforte de Lemos, Ribadavia e Vila de Cruces.
A programación completa do ciclo está dispoñible na páxina web cultura.gal.