Nova: Os Eidos, un libro-milagre da literatura galega

03/03/2018
Os Eidos, un libro-milagre da literatura galega
A Fundación Novoneyra acolleu esta mañá a presentación dunha nova edición deste clásico dado ao prelo por Chan da Pólvora co apoio da Xunta de Galicia
O acto concluíu co nomeamento como bibliotecarios de honra da Biblioteca de Mesopotamia de Elva Rei e Roberto Varela
Folgoso do Courel (Lugo), 3 de marzo de 2018.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou esta mañá na sede da Fundación Novoneyra na presentación do volume Os Eidos. O libro do Courel. Unha obra clave da literatura galega do século XX que o conselleiro cualificou como un “libro-milagre” escrito por un autor “en estado de graza”. O conselleiro subliñou que se tratou dun autor inspirado pola vida, pola natureza e pola palabra “máis enxebre e esencial” que a lingua galega garda nestas montañas luguesas. E, así mesmo, gabou a calidade da edición dada ao prelo por Chan da Pólvora. “Penso ‒afirmou o titular de Cultura‒ que o propio Novoneyra estaría feliz polo mimo posto neste traballo.”
Este segundo volume editado na colección Biblioteca de Mesopotamia de Chan da Pólvora Editora é a edición máis completa publicada até o momento sobre este título fundamental da poesía galega do século XX, ao incluír, entre outros, Os Eidos/1, Os Eidos/2 e Caligramas, ademais dun dicionario novoneyriano, titulado As cores do ucedo, realizado por Emilio Araúxo. O libro, que contén a maiores un prólogo a cargo dunha das grandes especialistas e poetas galegas da actualidade como é Olga Novo, conta co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
O acto concluíu co nomeamento como primeiros bibliotecarios de honra do selo comunal da Biblioteca de Mesopotamia da presidenta da Fundación Novoneyra e dona do poeta, Elva Rei, e do exconselleiro de Cultura e Turismo e director de Relacións Culturais e Científicas da AECID, Roberto Varela Fariña. No mesmo estiveron presentes, a maiores do conselleiro de Cultura e Educación, a alcaldesa de Folgoso do Courel, representantes das deputacións de Lugo e Ourense, así como doutros concellos da contorna, e os responsables tanto da editorial Chan da Pólvora, como da propia Fundación Novoneyra.