Nova: A candidatura Cíes-Illas Atlánticas xa está na final para ser Patrimonio da Humanidade

07/03/2018

A candidatura Cíes-Illas Atlánticas xa está na final para ser Patrimonio da Humanidade

O conselleiro de Cultura e Educación reuniuse hoxe coa directora do Centro do Patrimonio Mundial, Mechtild Rössler, e coa embaixadora de España ante a UNESCO, Teresa Lizaranzu

París, 8 de marzo de 2018.- A candidatura Illas Cíes-Illas Atlánticas a Patrimonio da Humanidade xa está rexistrada na UNESCO, segundo lle certificou ao conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, a directora do Centro do Patrimonio Mundial, Mechtild Rössler no decurso dunha reunión celebrada esta mañá na sede da UNESCO. O titular do departamento de Cultura da Xunta de Galicia destacou que a candidatura das Illas Cíes-Illas Atlánticas “xa está, usando un símil futbolístico, na final” e é “a única que ten entrado nesta carreira longa e complexa para ser Patrimonio da Humanidade”. Rodríguez González amosouse satisfeito de celebrar “esta reunión ao máis alto nivel, seguindo coa nosa folla de ruta, cuxo obxectivo é converter a Cíes-Illas Atlánticas, que xa son un paraíso de todos os galegos, en patrimonio mundial”.

Cómpre lembrar que a candidatura xa superou a primeira proba cando o Consejo de Patrimonio Histórico Español aprobou a súa inclusión na Lista indicativa o pasado mes de outubro. De feito, a lista foi actualizada e publicada pola UNESCO o pasado 5 de febreiro, “dándolle carta de natureza á candidatura”. Agora, e por requirimento da propia UNESCO, a candidatura deberá permanecer na lista un ano antes de seguir co procedemento.

 

Respaldo a Ribeira Sacra e Ferrol da Ilustración

Tras a reunión mantida coa directora do Centro do Patrimonio Mundial e coa embaixadora de España ante a UNESCO, Román Rodríguez agradeceu o traballo da embaixadora para facilitar esta interlocución e a posibilidade de presentarlles aos responsables do Centro Mundial do Patrimonio a folla de ruta para a salvagarda e difusión das candidaturas.

Román Rodríguez aproveitou a reunión para respaldar diante da UNESCO as outras candidaturas nas que Galicia está a traballar para a súa futura inclusión na Lista do Patrimonio Mundial, nomeadamente as da Ribeira Sacra e a do Ferrol da Ilustración.

Nese sentido, o conselleiro abordou a situación dos expedientes das devanditas candidaturas galegas, ademais de presentarlle a Mechtild Rössler un documento que recolle o potencial do patrimonio mundial galego que xa forma parte da Lista Indicativa da UNESCO, en concreto a cidade vella de Santiago de Compostela, os Camiños de Santiago –o Camiño Francés e a ampliación das Rutas do Norte e o Camiño Primitivo–, a Muralla de Lugo e a Torre de Hércules.

Neste sentido o conselleiro salientou que Galicia “é unha potencia en cuestión de patrimonio cultural” e sinalou a necesidade de coidalo e potencialo ao máximo nivel “como recurso endóxeno que é”. “Desde a Xunta esforzámonos neste sentido e o traballo coordinado con institucións tan importantes como o Centro do Patrimonio Mundial penso que é orientarse nunha boa senda”, rematou.

Comparte