Nova: O monumento de Santa Eulalia de Bóveda acollerá visitas guiadas para escolares
14/03/2018
O monumento de Santa Eulalia de Bóveda acollerá visitas guiadas para escolares
A Xunta convida aos escolares lucenses a participar no programa de visitas guiadas ao monumento de Santa Eulalia de Bóveda, en Lugo
O delegado territorial, José Manuel Balseiro, puxo en valor o programa de restauración e mantemento deste templo de orixe tardo romana único no occidente europeo e no que se ten investido preto dun millón de euros
O monumento esta aberto para o público en xeral de martes a sábado en horario de 10.00 a 15.00 horas. Ademais pódense concertar visitas fóra deste horario para grupos, cun mínimo de sete persoas
Lugo, 14 de marzo de 2018.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria remitirá unha carta a todos os centros educativos da provincia para convidar aos escolares lucenses a coñecer e efectuar unha visita guiada ao monumento romano de Santa Eulalia de Bóveda, no concello de Lugo.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou este templo, de orixe tardo-romana, que constitúe unha infraestrutura única en todo o occidente europeo que ademais dunha arquitectura singular ofrece un interesante catálogo de pinturas e murais.
“Santa Eulalia de Bóveda representa unha boa mostra do legado da nosa historia e permite ao visitante seguir afondando no coñecemento da vida dos nosos antepasados, por iso entendemos que ten un interesante atractivo educativo e didáctico no que os escolares lucenses poderán descubrir ou afondar”-dixo Balseiro.
Preto dun millón de euros en obras de conservación e mantemento
Balseiro tamén lembrou que A Xunta de Galicia, a través do departamento correspondente en materia de Patrimonio Cultural investiu preto dun millón de euros en obras de restauración e posta en valor deste monumento desde que no ano 1984 o Goberno galego asumiu as competencias plenas sobre este monumento histórico
As últimas actuacións estiveron relacionadas coa mellora da oficina e dos espazos que ocupa o persoal encargado da guías e seguridade, arranxos nas portas e o chan, substitución da iluminación, e instalación de novo equipamento informático e teléfonos, todo co obxecto de ofrecer un mellor servizo aos visitantes desde Monumento Nacional declarado Ben de Interese Cultural en 1985.
Outra das actuacións que maior esforzo técnico e orzamentario supón é a relacionada co programa de mantemento, monitorización, toma de datos, accións de control climático e conservación preventiva, iniciadas no ano 2013 e que continúan activas xa que logo permiten realizar un seguimento continuo do estado do monumento, e efectuar estudos e distintas propostas de intervención en función das distintas deterioracións que pode sufrir o monumento.
Tamén, recentemente a Xunta acometeu o levantamento en 3D do templo, distintos traballos de control climático e das condicións de humidade aos que só nos últimos dous anos se destinaron máis de 60.000 euros, aos que debemos engadir outras accións de promoción como son a reimpresión dos folletos informativos.
Visitas guiadas
Máis recentemente, tras a finalización dunhas obras de mellora e mantemento que se desenvolveron nos últimos meses, Santa Eulalia de Bóveda, reabriu as súas portas para o público en xeral de martes a sábado en horario de 10.00 a 15.00 horas. Pódense concertar visitas fóra deste horario para grupos, cun mínimo de sete persoas.
Ademais a Xunta puxo a disposición das persoas interesadas os seguintes teléfonos de contacto: 982 160 124 ou ben 672 676 488. Igualmente, poden contactar a través do enderezo electrónico: monumentosantaeulalia.patrimonio@xunta.gal.