Nova: A versión restaurada de Metrópolis abre a tempada do CGAI en Ourense

19/09/2014

A versión restaurada de Metrópolis abre a tempada do CGAI en Ourense

Inseridas na sección Filmoteca dos Luns, ofrécense ademais cinco estreas recentes do cinema independente español e internacional: ‘The Unknown Known’, ‘Edificio España’, História de la meva mort’, ‘Paraíso: Amor’ e ‘Paraíso; Fe’

Como complemento a esta programación, o Centro Galego da Artes da Imaxe contribuirá á conmemoración do 250 aniversario do pasamento do Padre Feijoo cun ciclo cinematográfico sobre a Ilustración

  • Metrópolis Metrópolis

Ourense, 19 de setembro de 2014.- En colaboración coa Asociación Cultural Cineclube Padre Feijoo, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria desenvolve a partir deste luns 22 a nova temporada de proxeccións en Ourense do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia). A versión restaurada do mítico filme ‘Metrópolis’ de Fritz Lang, coa metraxe orixinal recuperada, abre esta carteleira cinematográfica para setembro-outubro, ao tempo que inaugura o ciclo de Cinema Fantástico que o Cineclube ourensán ofrecerá no auditorio da Biblioteca Pública Nodal.

Baixo o título ‘Filmoteca dos luns’, a selección preparada polo CGAI para a cidade das Burgas achega, así mesmo, cinco destacados filmes do recente panorama independente español e internacional. Entre eles, dous destacados documentais: ‘The Unknown Known’ (29 de setembro), no que Errol Morris retrata o controvertido Donald Rumsfeld, secretario de Defensa da Administración Bush durante a invasión de Iraq tras o 11S e a guerra de Afganistán; e ‘Edificio España’ (6 de outubro), do realizador canario Víctor Moreno, quen afonda no proceso de reforma do emblemático inmoble madrileño.

Esta carteleira bimestral inclúe tamén a exhibición de ‘Historia de la meva mort’, do novo director catalán Albert Serra, e ‘Paraíso: Amor’ (20 de outubro) e ‘Paraíso: Fe’ (27 de outubro), as dúas primeiras partes da triloxía familiar do premiado creador austríaco Ulrich Seidl.

Horarios
Agás no caso de ‘Metrópolis’ e ‘Historia de la meva mort’, cun único pase ás 20.30 horas, o resto dos filmes inseridos nesta extensión ourensá da programación do Centro Galego de Artes da Imaxe proxéctanse na Biblioteca Pública Nodal en sesións dobres ás 20.30 e ás 23.00 horas, seguindo o procedemento habitual do Cineclube.

Ademais e como complemento a esta programación, o CGAI contribúe á conmemoración en Ourense do 250 aniversario do pasamento do Padre Feijoo cun ciclo cinematográfico arredor da Ilustración que, ademais da devandita fita de Albert Serra, inclúe as proxeccións especiais os días 11 e 12 de outubro de ‘El siglo de las luces’, de Humberto Solás, e ‘A los que aman’, de Isabel Coixet.

Máis información sobre a programación do CGAI no Cineclube Padre Feijoo en: http://cineclubepf.blogspot.com.es/
 

Comparte