Nova: A reparación das cubertas da igrexa de San Francisco, en Ribadavia, recibe máis de 104.000 euros
09/04/2018
A reparación das cubertas da igrexa de San Francisco, en Ribadavia, recibe máis de 104.000 euros
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a formalización do contrato de obras
Santiago de Compostela, 9 de abril de 2018.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria investirá 104.362,5 euros na reparación das cubertas da igrexa e da ala oeste do convento de San Francisco, na localidade ourensá de Ribadavia. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a formalización do contrato de obras, que teñen un prazo de execución de tres meses (https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180409/AnuncioG0164-260318-0001_gl.html).
O obxectivo da actuación é reparar os danos nas edificacións que conforman o conxunto do convento de San Francisco, ocasionados polas filtracións de auga. Deste xeito, os traballos contemplan a renovación da cuberta da igrexa, coa colocación de novo entramado de madeira, lámina impermeable, placas de fibrocemento e cubrición de tellas cerámicas curvas vermellas. No caso das estancias adxacentes, limparanse, renovaranse ou repararanse os canlóns e baixantes en mal estado, repararanse os remates de encontro lateral de faldón das tellas cos paramentos laterais e substituiranse as tellas rotas ou danadas.
O lugar que ocupa actualmente o convento franciscano de Ribadavia recibía antigamente o nome de Santiago de Alén, por mor da capela ou igrexa medieval, albergue ou hospital de peregrinos do que nos falan os documentos do século XIII. As primeiras construcións do convento de San Francisco en Ribadavia datan de finais do século XVI e principios do XVII, aínda que sufriu ampliacións ata completar a súa configuración actual.
Da igrexa conventual destaca a súa torre barroca con balconciño, a bóveda de cruzaría e o altar churrigueresco. Ademais, nela pode contemplarse parte do coro antigo oxival (século XV) da catedral de Ourense. Do convento anexo consérvase o claustro dos séculos XVII-XVIII, o portalón de medio punto de entrada e a escaleira que formaban parte do antigo convento situado en Santa Marta no século XIII. A comezos do XIX converteuse na terceira comunidade en importancia entre os conventos franciscanos de Galicia. No ano 1835 tivo lugar a exclaustración ata que, o 26 de abril de 1915, retornaron de novo os franciscanos. Os derradeiros frades marcharon a finais do XX e actualmente non hai comunidade monástica.