Nova: Incoado o expediente para declarar ben de interese cultural a Terraza de Sada
16/04/2018
Incoado o expediente para declarar ben de interese cultural a Terraza de Sada
A Xunta incoa o expediente para declarar ben de interese cultural a Terraza de Sada
Aplícase de forma inmediata e provisional a protección establecida para estes bens na Lei do Patrimonio Cultural
Santiago de Compostela, 16 de abril de 2018.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se incoa o expediente para declarar ben de interese cultural (BIC), coa categoría de monumento, a Terraza de Sada (A Coruña). A partir deste momento, aplícase de forma inmediata e provisional o réxime de protección que establece a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia para os bens de interese cultural e para os monumentos en particular, o máximo existente.
Ademais, ábrese un período de información pública durante o prazo dun mes, contando a partir de mañá, co fin de que as persoas que teñan interese poidan examinar o expediente e alegar o que consideren conveniente.
A Terraza é un testemuño único e singular dos pavillóns ou quioscos modernistas típicos dos anos 20. Comezouse a construír en 1912 no recheo do Paseo de Méndez Núñez, na Coruña, sobre un deseño probablemente do arquitecto Antonio López Hernández. Foi trasladado á praia urbana de Sada entre os anos 1919 e 1920.
A linguaxe arquitectónica empregada combina a versatilidade dun espazo diáfano co emprego dun estilo radical, urbano e actual, enlazado coa tendencia europea da época e co claro obxectivo de diferenciarse da arquitectura histórica e a institucional. Non en balde, os quioscos resultaban instalacións novidosas tanto na tipoloxía arquitectónica, construtiva, funcional coma ornamental.
A Terraza está construída principalmente en madeira e vidro, coas formas e cores do modernismo. O concepto é concepto esvelto, lixeiro, aberto e luminoso; e a decoración profusa en adornos xeométricos estilizados e voluptuosos. A medida que variaron os seus usos – sempre sociais e de ocio- o edificio foi evolucionando e ampliándose, incorporando mesmo un salón de baile diáfano rodeado de paneis acristalados de cores vivas. En calquera caso, o expediente considera que as modificacións espaciais e funcionais realizadas ao longo da súa historia non deturpan os seus valores e a súa singularidade.
Valores culturais
Neste sentido, o expediente considera que a Terraza é un ben sobranceiro de Galicia polos seus valores culturais e representa un caso único de conservación dos inmobles desta tipoloxía e función na comunidade autónoma, malia a existencia de numerosos coetáneos, de vida efémera. A súa tipoloxía foi orixinal pola novidade que supuña para unha sociedade urbana o uso de espazos públicos relacionados co cambio da estrutura da cidade, das comunicacións e dos estándares da calidade de vida.
No referido aos valores arquitectónicos e artísticos, pola calidade do deseño, destácanse no expediente “os espazos de uso diáfanos, claros e vivos, tinguidos de cores e de elementos ornamentais cunha xeometría sensual e acolledora, calidade e calidez reforzada polo exercicio artesanal da produción das pezas coas que está construído”. Así mesmo valórase, no sentido etnolóxico, o feito de que a Terraza é un edificio apreciado polo pobo de Sada e en Galicia en xeral, “punto central do modernismo entendido como un sinal identitario, e en proceso de recuperación con actividades lúdicas e culturais periódicas”.
Proposta de delimitación
O ámbito proposto como ben de interese cultural correspóndese coa parcela catastral do edificio da Terraza.