Nova: Chega a Lugo Voando o pasado, unha mostra sobre a fotografía aérea aplicada ao estudo do patrimonio cultural

18/04/2018

Chega a Lugo Voando o pasado, unha mostra sobre a fotografía aérea aplicada ao estudo do patrimonio cultural

A exposición, unha iniciativa do Museo Arqueolóxico de Ourense, inaugurouse hoxe no Arquivo Histórico Provincial da cidade

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, destacou no acto de apertura o interese da mostra para dar a coñecer e poñer en valor o patrimonio cultural

 

Lugo, 18 de abril de 2018.- O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, inaugurou hoxe, na sala de exposicións temporais do Arquivo Histórico Provincial de Lugo, a mostra Voando o pasado. Fotografía aérea e arqueoloxía en Galicia, organizada polo Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense. Este é a terceira parada da itinerancia da exposición por distintos puntos de Galicia.

Anxo Lorenzo destacou que “o arqueólogo se serve da fotografía aérea para facer unha reconstrución máis rigorosa e precisa do pasado, dando testemuño do enorme potencial das imaxes tomadas desde o aire para a investigación arqueolóxica”. Trátase de imaxes globais “de xacementos arqueolóxicos, de paisaxes históricas e do patrimonio arquitectónico galego que contribúen ao coñecemento e á difusión do noso acervo cultural”.

Para o secretario xeral de Cultura, a itinerancia da mostra ao Arquivo Histórico Provincial de Lugo é moi axeitada posto que neste centro, adscrito á Consellería de Cultura e Educación, desenvolven un encomiable labor “a prol da conservación, da difusión e da posta en valor do patrimonio documental”.

No acto de inauguración estiveron presentes tamén o director do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, Xulio Rodríguez, a directora do arquivo, Dolores Pereira, e o subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, así como outros representantes da vida política, social e cultural da cidade.

A exposición componse de 29 paneis que reflicten a evolución das técnicas da fotografía aérea aplicadas á arqueoloxía. As imaxes explican os diferentes tipos de xacementos, con especial incidencia nos castros, pero nos que tamén están presentes xacementos romanos ou mostras do patrimonio medieval. Castros marítimos, como o de Baroña; no cume dun outeiro, como o de San Cibrao de Las; vías romanas, como a da Ponte Bibei, na Pobra de Trives ou fortalezas medievais, como as Torres do Oeste de Catoira, pódense observar desde unha perspectiva pouco común.

Un proxecto do Instituto Padre Sarmiento nos anos 90

O Museo Arqueolóxico de Ourense organizou esta exposición en outubro do pasado ano 2017, coa idea de que itinerase despois por distintos puntos da xeografía galega. Tras o seu paso polo Museo do Pobo Galego de Santiago, chega agora ao Arquivo Histórico Provincial de Lugo, onde permanecerá ata o vindeiro día 15 de xuño.

A mostra recupera tamén un proxecto realizado a comezos da década dos 90 pola Sección de Arqueoloxía do Instituto Padre Sarmiento, herdeira da do Seminario de Estudos Galegos. Unha iniciativa que logrou situar a arqueoloxía galega na cabeza destes estudos, e que caeu despois no esquecemento.

 

Comparte