Nova: Dúas xornadas achegan aspectos do patrimonio cultural de Galicia a distintos públicos

19/04/2018

Dúas xornadas achegan aspectos do patrimonio cultural de Galicia a distintos públicos

As II Xornadas sobre educación patrimonial e un encontro informativo sobre a Lei 5/2016 do patrimonio cultural de Galicia destinada aos corpos e forzas de seguridade centran a oferta formativa, organizada pola Consellería de Cultura

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2018.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, organiza ao longo dos vindeiros tres días dúas xornadas centradas en diversos aspectos do Patrimonio Cultural de Galicia.

En primeiro lugar, as II Xornadas sobre educación patrimonial. Experiencias e prácticas de educación patrimonial en Galicia, que terán lugar no Museo das Peregrinacións desde hoxe até o domingo, ofrecerán aos profesionais interesados claves para levar á aula programas e actividades orientadas a mellorar a nosa educación patrimonial. Trátase dun encontro baseado na experiencia e cunha abordaxe práctica no que un total de 14 profesionais e especialistas dos ámbitos da didáctica e o patrimonio exporán e debaterán sobre os diversos aspectos a ter en conta para sensibilizar ao alumnado galego na importancia da salvagarda do noso legado cultural. Toda a información ao respecto atópase en http://www.edu.xunta.gal/portal/node/24613.

Por outra banda, a Consellería de Cultura organiza hoxe na Hospedería de San Martiño Pinario unha xornada informativa sobre a Lei 5/2016 do patrimonio cultural de Galicia destinada á Policía Autonómica e a Garda Civil. Os obxectivos xerais deste curso son continuar co traballo de sensibilización e coordinación cos diferentes colectivos implicados na cadea de protección do noso patrimonio e crear un espazo de diálogo entre a administración da Xunta de Galicia e os corpos de seguridade con competencias na materia.

Esta xornada terá continuidade con outras dirixidas aos demais colectivos implicados no proceso de vixilancia e protección do patrimonio cultural, como son a Administración Local e a Igrexa. O programa da xornada pode consultarse en https://www.cultura.gal/gl/aviso/43630

 

Comparte