Nova: Cultura e a Televisión de Galicia levan a obra de María Victoria Moreno aos fogares galegos
09/05/2018
Cultura e a Televisión de Galicia levan a obra de María Victoria Moreno aos fogares galegos
A programación da canle autonómica difundirá durante a semana das Letras Galegas dúas pezas audiovisuais con fragmentos dos libros A festa no faiado e Anagnórise
O obxectivo da iniciativa é poñer en valor a figura da homenaxeada no 17 de maio e espertar a curiosidade do público pola súa obra
Santiago de Compostela, 9 de maio de 2018.- A obra de María Victoria Moreno chegará na semana das Letras aos fogares galegos a través da programación da Televisión Galicia, coa emisión de pequenas pezas audiovisuais realizadas a partir do conto A festa no faiado e da novela xuvenil Anagnórise, dúas obras representativas da autora homenaxeada este ano polo 17 de maio. A iniciativa, promovida pola Consellería de Cultura e Educación en colaboración coa televisión autonómica, foi presentada esta mañá pola directora adxunta ao director xeral da CRTVG, Rosa Vilas, e polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen recordou que “a colaboración entre institucións ten moito que ver coa concepción do mes de maio como mes das nosas letras”, así como “cos festexos culturais arredor da nosa literatura e dos seus protagonistas”.
“Queremos contribuír ao coñecemento da obra das e dos autores designados pola Real Academia Galega para esta celebración, convencidos de que o aprecio se favorece co coñecemento previo”, explicou Anxo Lorenzo. “Para espertar o interese cómpre excitar a curiosidade das persoas e con esta intención presentamos estas dúas pezas de continuidade audiovisual”, rematou.
Obra infantil e xuvenil
As creacións baséanse en fragmentos significativos de dúas das obras máis representativas da autora homenaxeada, o relato infantil A festa no faiado e a novela xuvenil Anagnórise, transformadas en dúas pezas audiovisuais breves realizadas por Algarabía Animación, que se irán intercalando entre a programación da Televisión de Galicia ao longo da semana das Letras Galegas.
As dúas pezas están accesibles na web de Cultura de Galicia, en www.cultura.gal
A Secretaría Xeral de Cultura e a Televisión de Galicia veñen colaborando desde hai anos na difusión da figura homenaxeada no Día das Letras Galegas, co obxectivo común de contribuír ao coñecemento da obra das autoras e dos autores escollidos pola Real Academia Galega para esta celebración.