Nova: Máis de 60 finalistas competirán na III Gala do Libro Galego
09/05/2018
Máis de 60 finalistas competirán na III Gala do Libro Galego
A Federación de Librarías, a AGE e a AELG, co apoio da Xunta de Galicia, convocan os galardóns, que recoñecen a excelencia do traballo literario realizado no ámbito editorial
A edición deste ano, que se celebrará o sábado 19 de maio, presenta novidades, como a separación das categorías de libro infantil e xuvenil ou o recoñecemento a traxectorias profesionais
Santiago de Compostela, 9 de maio de 2018.- Máis de 60 finalistas compiten nas 14 categorías da III Gala do Libro Galego, que se celebra o vindeiro sábado 19 de maio no Teatro Principal de Santiago de Compostela.
A Federación de Librarías de Galicia, a Asociación Galega de Editoras (AGE) e a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), co apoio da Consellería de Cultura e Educación, presentan unha iniciativa que recoñece a excelencia do traballo literario realizado no ámbito editorial durante o ano 2017 e que, nesta edición, por vez primeira, premia tamén traxectorias profesionais.
Para o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, a gala vaise consolidando como un espazo para “poñer en valor a produción literaria máis recente e, ao mesmo tempo, facer visible un sector que é un piar imprescindible da nosa cultura, fundamental para o noso desenvolvemento social e tamén económico”. Lorenzo participou esta mañá na rolda de prensa de presentación da gala, onde os promotores da iniciativa deron a coñecer os detalles da nova edición. O Concello de Santiago de Compostela e a Deputación da Coruña tamén colaboran coa iniciativa.
“O libro e a lectura son instrumentos indispensables para a transmisión da cultura e para o desenvolvemento da nosa identidade como pobo”, continuou Anxo Lorenzo, que puxo en valor a suma de esforzos por parte das principais entidades do sector e das administracións públicas de Galicia para levar a cabo a iniciativa.
Propostas desde as bases
“Os galardóns que se van entregar o vindeiro sábado son a mellor mostra de que as cousas se están facendo ben no sector do libro en Galicia”, afirmou o secretario xeral de Cultura. “É -concluíu- unha boa oportunidade para difundir a industria do libro galego fóra dos seus espazos habituais e favorecer o interese da sociedade galega polos premiados”.
Son as bases asociativas da Federación de Librarías, a AGE e a AELG as que propoñen aos premiados e despois un xurado externo fai unha preselección da que saen os finalistas. Os 14 galardoados coñeceranse no transcurso da gala.
Finalistas
A Gala do Libro Galego inclúe nesta edición dous bloques diferenciados, o primeiro para obras editadas no 2017, que engloba as categorías de ensaio e investigación, divulgación, narrativa, infantil, xuvenil, libro ilustrado, libro de banda deseñada, iniciativa bibliográfica, tradución, poesía, teatro e libro mellor editado. No bloque de premios ás traxectorias, as categorías son iniciativa cultural ou de fomento da lectura, proxecto literario na rede e xornalismo cultural.
Xosé Luís Axeitos, Matilde Felpeto, Marcos Calveiro, Ledicia Costas, María Reimóndez, David Pintor, Berta Cáccamo, Xaquín Marín, Elías Portela, Lupe Gómez, Ana Romaní, Chévere, Kalandraka, Viñetas desde o Atlántico ou Criticalia son algúns dos autores, artistas, xornalistas e proxectos candidatos aos galardóns da III Gala do Libro Galego.