Nova: 13 novos proxectos audiovisuais reciben axudas ao talento audiovisual
16/05/2018
13 novos proxectos audiovisuais reciben axudas ao talento audiovisual
A Agadic impulsa 13 novos proxectos de guións, curtas e longametraxes a través das axudas ao talento audiovisual
Publícase hoxe no web da Axencia a resolución desta convocatoria anual, dotada con 145.000 euros
Apóiase con 90.000 euros a produción das longas de Lara Bacelo, Xoel Méndez e Andrés Sanjurjo García
Andrés Goteira, Araceli Gonda, Lucía Dapena, Jesús Rey Roca e José Antonio Cascudo son os adxudicatarios en escrita de guión, e Giovana Lopalco, Xacio Baño, Andrea Zapata-Girau, Noemí Chantada e Iria Ares, en curtametraxes
Santiago de Compostela, 16 de maio de 2018.- A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Educación publica hoxe no seu web a resolución da convocatoria anual de subvencións ao desenvolvemento e promoción do talento audiovisual galego. A través dela, adxudica 145.000 euros a 13 novos proxectos, dos que cinco corresponden á modalidade de escrita de guións, outros cinco á de realización de curtametraxes e tres á de longas de dirección novel.
O obxectivo destas axudas, pioneiras no seu ámbito dentro do panorama audiovisual español, é contribuír á incorporación de novos creadores á industria audiovsiual galega, ao tempo que promover propostas narrativas de especial valor cinematográfico e favorecer o enriquecemento cultural de Galicia mediante as distintas formas de expresión audiovisual. Unha comisión independente foi a encargada de seleccionar as 13 propostas subvencionadas, de acordo co baremo que estipulan as bases.
Dirección novel
Da contía total adxudicada, 90.000 euros correspóndenlle a tres proxectos de longametraxes de realizadores que están dando os seus primeiros pasos no formato de longa duración: Aquel sol do verán, de Lara Bacelo, presentado por Madre Films; 10/7, de Xoel Méndez, presentado por Noveolas Producciones; e Alén mar, de Andrés Sanjurjo García.
Outros 25.000 euros repártense a partes iguais entre as cinco propostas de escrita individual de guión seleccionadas: Starmucks, de Andrés Goteira; Unha cornetada para Lucrecia, de Araceli Gonda; O silencio herdado, de Lucía Dapena; Peripheria, de Jesús Roca Rey, e María Balteira, de José Antonio Cascudo.
En canto aos 30.000 euros restantes, distribúense entre outros cinco proxectos de realización de curtametraxes, que contarán con 6.000 euros en cada caso. Trátase de Mother, de Giovana Lopalco; Augas abisais, de Xacio Baño; Un verán en Ruovesi, de Andrea Zapata-Girau; Xoves de comadres, de Noemí Chantada, e Bailaretada de amos. De fartos e adoecidos, de Iria Ares.
A relación completa de proxectos adxudicatarios e contías outorgadas ao abeiro desta convocatoria, publicada no Diario Oficial de Galicia número 239 do 19 de decembro de 2017, está dispoñible para a súa consulta nas seccións de axudas e avisos do web www.agadic.gal.