Nova: Nomeados tres novos xuíces honorarios do Couto Mixto

07/07/2018

Nomeados tres novos xuíces honorarios do Couto Mixto

Valentín García participa no nomeamento de tres novos xuíces honorarios do Couto Mixto

Son os presidentes das freguesías portuguesas de Soutelinho, Lamadarcos e Cambedo

O acto, organizado pola Asociación de Amigos do Couto Mixto, celebrouse este mediodía na igrexa de Santiago de Rubiás

Os Blancos (Ourense), 7 de xullo de 2018.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá no acto de nomeamento de tres novos xuíces honorarios do Couto Mixto. Trátase dos presidentes das freguesías portuguesas de Soutelinho, Lamadarcos e Cambedo.

Valentín García, que fora nomeado el mesmo xuíz honorario en 2017, deulles os parabéns e a benvida aos novos xuíces e recordoulles que “O Couto Mixto representa para galegos e portugueses o valor da democracia e da convivencia entre dous pobos irmáns pola lingua, pola historia e pola cultura”.

Xunto co nomeamento dos novos xuíces, celebrouse a escenificación das reunións que se celebraban antigamente no Couto Mixto, así como o encontro anual dos membros da Asociación de Amigos do Couto Mixto, convocante do acto. Tras el, os asistentes asistiron á actuación da cantante Uxía.

Un microestado

O Couto Mixto foi unha entidade política, comparable a un microestado independente, situado no val do río Salas e constituído polas aldeas de Santiago, Rubiás e Meaus, pertencentes aos concellos de Calvos e Randín e de Baltar. En tempo das monarquías feudais, o Couto Mixto elixía por sufraxio directo dos representantes das casas o seu rexedor (xuíz) polo tempo de tres anos. Outros privilexios desta entidade singular eran o poder elixir a nacionalidade española ou portuguesa, dar asilo aos fuxidos da xustiza de España e de Portugal, non aportar soldados nin pagar impostos a ningún destes reinos ou ter liberdade de comercio e de cultivos.

Coa firma do Tratado de Lisboa (1868) os dominios do Couto Mixto quedaron baixo a soberanía de España. En contrapartida, pasaron á soberanía portuguesa as poboacións de Soutelinho, Lamadarcos e Cambedo, cuxos presidentes foron nomeados hoxe xuíces honorarios pola Asociación de Amigos do Couto Mixto.

Comparte