Nova: Celébrase o terceiro aniversario da declaración dos Camiños do Norte como Patrimonio da Humanidade

06/07/2018

Celébrase o terceiro aniversario da declaración dos Camiños do Norte como Patrimonio da Humanidade

Román Rodríguez salienta a importancia da declaración dos Camiños do Norte como Patrimonio da Humanidade

O conselleiro de Cultura e Educación realizou esta mañá unha andaina para conmemorar o terceiro aniversario deste recoñecemento outorgado pola UNESCO

  • O conselleiro de Cultura e Educación realizou esta mañá unha andaina para conmemorar o terceiro aniversario deste recoñecemento outorgado pola UNESCO O conselleiro de Cultura e Educación realizou esta mañá unha andaina para conmemorar o terceiro aniversario deste recoñecemento outorgado pola UNESCO
  • O conselleiro de Cultura e Educación realizou esta mañá unha andaina para conmemorar o terceiro aniversario deste recoñecemento outorgado pola UNESCO O conselleiro de Cultura e Educación realizou esta mañá unha andaina para conmemorar o terceiro aniversario deste recoñecemento outorgado pola UNESCO

Trabada (Lugo), 6 de xullo de 2018.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o seu homólogo do Principado de Asturias, Genaro Alonso, realizaron esta mañá unha andaina entre Santiago de Abres (Vegadeo) e Trabada para conmemorar o terceiro aniversario da declaración dos Camiños do Norte como Patrimonio Mundial da UNESCO. Con este motivo, o titular do departamento de Cultura da Xunta de Galicia salientou a importancia deste fito, como máximo recoñecemento posible para o legado cultural dun pobo, xa que supuxo “unha gran oportunidade para impulsar o coñecemento destas rutas, o patrimonio cultural que se atopa no seu territorio histórico e o potencial turístico dos concellos polos que pasa”.

Román Rodríguez fixo fincapé na boa relación histórica que une Galicia e Asturias e sinalou que ambas están diante do importante reto que supón o Xacobeo 2021. Neste sentido explicou que existe unha responsabilidade compartida para que o próximo Ano Santo se converta no maior evento cultural, turístico e económico da historia das dúas comunidade. “Un obxectivo –dixo– no que xa comezamos a traballar cunha folla de ruta clara e definida”.

O conselleiro de Cultura e Educación confiou no espírito do Camiño, “unha ruta de entendemento entre pobos” para guiar o traballo solidario e participativo necesario para acadar o máximo desenvolvemento destas comunidades, unidas polo milenario legado cultural que son as rutas xacobeas.

Os Camiños do Norte foron incluídos na Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO tras a 39ª sesión do Comité do Patrimonio Mundial, celebrada en Bonn o 5 de xullo de 2015. A candidatura foi presentada en conxunto polas administracións dos gobernos autonómicos de Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco, A Rioxa e o Ministerio do ramo.

Os Camiños do Norte en Galicia

Dúas das catro rutas dos Camiños do Norte transitan en Galicia: o Camiño da Costa, que comunica a cornixa Cantábrica con Compostela, e o Camiño Primitivo. Ademais, abarca singularmente catro monumentos: a muralla e a catedral lucenses, a catedral mindoniense e o mosteiro de Sobrado dos Monxes.

O Camiño do Norte, procedente de Asturias, ten dúas variantes, a coñecida como ruta da Costa e a ruta do Interior, que é a que se corresponde co Camiño Primitivo ou Camiño de Ovedo. O trazado deste camiño, ao seu paso por Galicia, discorre por un total de 9 concellos: A Fonsagrada, Baleira, Castroverde, Lugo, Guntín, Friol, Palas de Rei, Toques e Melide, onde finalmente entronca coa ruta principal do Camiño de Santiago: o Camiño Francés.

Pola súa banda, o Camiño da Costa discorre por un total de 16 concellos, en contreto falamos de Ribadeo, Barreiros, Trabada, Lourenzá, Mondoñedo, Abadín, Vilalba, Guitiriz, Begonte, Friol, Sobrado, Vilasantar, Boimorto, Arzúa, O Pino e Santiago de Compostela, onde entronca co Camiño Francés á altura da cabeceira do aeroporto de Lavacolla.

Ademais dos Camiños do Norte, son Patrimonio da Humanidade en Galicia a Cidade vella de Santiago de Compostela, elixida en 1985; o Camiño de Santiago Francés, inscrito en 1993; a Muralla romana de Lugo recoñecida no 2000; e a Torre de Hércules, que alcanzou a súa inclusión en 2009.

Comparte