Nova: A muralla de Lugo e a figura do botánico Baltasar Merino protagonizan o inicio de Monumenta 2018
03/08/2018
A muralla de Lugo e a figura do botánico Baltasar Merino protagonizan o inicio de Monumenta 2018
O ciclo de andainas da Consellería de Cultura e Educación comeza esta fin de semana cun percorrido polo monumento lucense e cun achegamento ao traballo precursor do científico Merino na contorna da Guarda
Para reservar as últimas prazas dispoñibles cómpre inscribirse na web http://monumenta.galicia.com
Ata o 2 de setembro, Monumenta, andar con arte tamén se achegará ao patrimonio cultural e paisaxístico de Valdoviño, Ordes, Esgos, Palas de Rei, A Peroxa e Bueu a través de andainas con camiñantes convidados e música en acústico
Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2018.- A nova edición de Monumenta, andar con arte bota a andar esta fin coa muralla de Lugo e o labor pioneiro de Baltasar Merino como protagonistas. O sábado 4 de agosto, o ciclo de andainas para a descuberta do patrimonio da Secretaría Xeral de Cultura chega á capital lucense para afondar na muralla romana, cun percorrido guiado que partirá ás 11:00 horas da Domus do Mitreo.
O arqueólogo Celso Rodríguez e o arquitecto José Pastor Ferreiros, xunto co membro da Sociedad Española de Ornitoloxía Gustavo Ferreiro, serán os camiñantes convidados da xornada inaugural e os encargados de comentar as principais transformacións urbanísticas producidas nos últimos anos arredor deste monumento patrimonio da humanidade, xunto coas intervencións arqueolóxicas ligadas á súa conservación.
Baltasar Merino: seguindo os pasos de camiñantes históricos
O protagonista da xornada do domingo 5 de agosto será Baltasar Merino e o seu labor pioneiro nos ámbitos da botánica e da meteoroloxía galegas. O xesuíta burgalés, que chegou a finais do século XIX a Galicia, onde impartiu docencia no colexio da Pasaxe da Guarda, sistematizou gran parte da vexetación de Galicia, ademais de ser un precursor na aplicación dos coñecementos meteorolóxicos á predición do tempo co obxectivo de contribuír á salvagarda da xente do mar.
A partir da súa obra, Monumenta achegarase aos ambientes ecolóxicos da costa da Guarda, a través da vexetación da beiramar do esteiro do río Miño ata a punta de Santa Tegra, sen esquecer os seus valores arqueolóxicos e etnográficos, ademais de observar as nubes desde a perspectiva meteorolóxica. Para iso, a xornada contará co xeógrafo físico Juan López Bedoya e co bioxeógrafo Manuel Anxo Freire. A parte musical da xornada, que dará comezo ás 10:30 horas na Estación Marítima da Guarda, correrá a cargo da artista arzuá MJ Pérez, unha das novas voces do panorama actual da música galega.
O prazo de inscrición para participar nestas dúas primeiras andainas do ciclo Monumenta remata hoxe e cómpre formalizar a reserva a través da web http://monumenta.galicia.com
Andainas para explorar o patrimonio
Ata o 2 de setembro, Monumenta ofrecerá un total de oito andainas que tamén percorrerán os municipios de Valdoviño, Ordes, Esgos, Palas de Rei, A Peroxa e Bueu. Trátase dun programa de actividades culturais que se desenvolve ao redor da acción de camiñar e da experiencia da andaina como a mellor e a máis antiga das maneiras de explorar e de vivir o territorio. A integración da música nos percorridos para recuperar a tradición milenaria da música ambulante, o seguimento das pegadas de camiñantes históricos, a presenza do patrimonio inmaterial e mesmo rutas experimentais son os principais eixos deste programa co que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia lle achega á cidadanía unha experiencia diferente de vivir e sentir o noso patrimonio, relacionando cada edificio co territorio e coa súa singularidade cultural e paisaxística.
A programación completa do ciclo está accesible en http://monumentagalicia.com/ e mais en cultura.gal.