Nova: Grandes nomes da literatura galega danse cita na VI Bienal Literaria
02/10/2014
Grandes nomes da literatura galega danse cita na VI Bienal Literaria
A Cidade da Cultura acolle hoxe e mañá este encontro co que se celebra o 25 aniversario do Pen Galicia, que preside Luís González Tosar
O programa inclúe, tres mesas redondas con narradores, poetas e novelistas, un recital poético, ademais da conferencia maxistral do escritor arxentino Roberto Alifano
Santiago, 2 de outubro de 2014.- Co gallo da celebración do 25 aniversario da sección galega, que preside Luís González Tosar, do PEN Internacional, a VI Bienal Literaria reúne hoxe e mañá en Santiago a escritores, xornalistas e un nutrido grupo de representantes das nosa escrita. No programa de hoxe desenvolveuse unha mesa redonda con xornalistas, no que participaron Camilo Franco, Santiago Jaureguizar, Luís Pousa e Juan Tallón e foi moderada por Xesús Fraga. Tamén houbo un recital poético a cargo de Alba Díaz, Berta Dávila, Gonzalo Hermo, Román Raña, así como Dores Tembrás e o Grupo Xardín Desordenado, que se encargou da parte musical. Para rematar, o escritor arxentino Roberto Alifano impartiu unha charla maxistral baixo o título “Borges e o xardín de conversas que se bifurcan”.
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, acompañado polos secretarios xerais de Cultura e Política Lingüística, Anxo Lorenzo e Valentín García, respectivamente, inaugurou este encontro co que se rende homenaxe ás letras galegas..
Referencias culturais de primeira magnitude
Vázquez Abad salientou na súa intervención que “este encontro que se consolida nesta sexta edición –por segunda vez na Cidade da Cultura- é un motivo de orgullo para Santiago e para Galicia enteira, unha referencia cultural de primeira magnitude”. O conselleiro engadiu que “á grandeza monumental da cidade, meta de peregrinos chegados de todos os lugares do orbe, crisol de culturas e unha das encrucilladas da fe da humanidade, debemos sumar a creatividade literaria, unha das artes máis plenas: a arte da palabra”. Ademais o titular de Cultura e Educación remarcou que o departamento que dirixe “ está comprometido, xunto aos escritores do Pen, coa defensa da liberdade de expresión e de opinión”
O conselleiro rematou a súa intervención gabando o Pen galego polo seu traballo “para que os poetas, os ensaístas e os dramaturgos deste país sexan recoñecidos mais aló do ámbito propio”. Ademais o titular de Cultura e Educación felicitou dobremente ao Pen de Galicia “en primeiro lugar pola organización da sexta Bienal cun Programa integrador moi completo e por acadar recentemente o Premio da Cultura Galega 2014, no apartado de promoción exterior”.
Xornada de novelistas e poetas
A xornada de mañá comezará coa mesa redonda de novelistas, na que participarán Marilar Aleixandre, Alfredo Conde, Víctor F. Freixanes e Bieito Iglesias coa moderación de Inma Silva. De seguido será a quenda dos poetas, con Miguel Anxo Fernán Bello, Manuel Forcadela, María do Cebreiro, Xavier Seoane e Luciano Rodríguez.
A VI Bienal Literaria finalizará co encontro do que formarán parte Nélida Piñón, Xosé Luís Méndez Ferrín e Manuel Rivas. A asistencia ás xornadas é totamente de balde ata completar aforo.