Nova: Espazos Sonoros regresa a fin de semana con música antiga e rutas polo patrimonio

03/10/2014

Espazos Sonoros regresa a fin de semana con música antiga e rutas polo patrimonio

Mercedes Hernández e Fernando Reyes ofrecen o sábado un recital de música antiga na igrexa de Santa María do Azogue, en Betanzos

O ciclo viaxa a Allariz o domingo cun concerto do grupo Doa e un percorrido guiado polo castro de Armeá e Santa Mariña de Augas Santas

Do 4 ao 15 de outubro ábrese o prazo de inscrición no obradoiro de achegamento á música antiga que terá lugar o 18 de outubro no pazo de Tor, en Monforte de Lemos
 

  • Concerto de Doa Concerto de Doa

Santiago, 3 de outubro de 2014.- Logo de percorrer Baiona, Santiago de Compostela, Padrón, Silleda e Esgos con concertos e actividades culturais en espazos de especial interese patrimonial destes concellos, o ciclo Espazos Sonoros 2014 da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria chega esta fin de semana ao seu ecuador con novas propostas en Betanzos e en Allariz.

Mañá sábado, a igrexa de Santa María do Azogue, na localidade coruñesa, será o escenario do concerto que ofrecerán, ás 20:30 horas, Mercedes Hernández e Fernando Reyes. Os membros integrantes e fundadores do grupo Resonet, unha das formacións galegas máis recoñecidas internacionalmente dentro do mundo da música antiga, presentan para a ocasión un programa integrado por motetes e cantos de autores europeos do século XVII. Cantos medievais e renacentistas completan este programa, no que non faltarán obras de Monteverdi, Barbara Strozzi e Tarqunio Merula, entre outros.

Músicas populares e medievais de raíz galega
O grupo Doa, que reinterpreta as músicas populares e medievais de raíz galega, collerá a remuda o domingo 5 de outubro no santuario de Augas Santas de Allariz, cun concerto ás 19 horas. O programa que ofrecerán Susana de Lorenzo (voz e harmonio), Xoan Piñón (guitarra acústica) e Bernardo Martínez (percusión e frauta) xira arredor do seu último traballo, ‘A fronda dos cervos’, co que o grupo explora o simbolismo dos bosques milenarios e se achega ao antigo mundo da Galicia medieval. A actuación tamén incluirá unha escolma de pezas dos seus anteriores traballos.

Ruta polo castro de Armeá
Pero a xornada dominical comezará previamente, ás 15 horas, cunha visita guiada polo santuario de Augas Santas, da man da Asociación de Estudos de Santa Mariña de Augas Santas, e continuará polo camiño que leva á aldea de Armeá, para facer parada na igrexa románica da Ascención e no castro de Armeá. A ruta concluirá cun percorrido polo Camiño Real que unía a cidade de Ourense con Allariz.

Obradoiro de música antiga
A próxima semana, Espazos Sonoros convida a cidadanía a se achegar á música antiga e aos seus instrumentos de tecla a través dun obradoiro que terá lugar o sábado 18 de outubro no pazo de Tor, no concello lucense de Monforte de Lemos, dirixido a todos os públicos. As persoas interesadas en participar poden inscribirse do 4 ao 15 de outubro en actividades@espazossonoros.org.

Promovido pola Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Cultura, o ciclo de música e patrimonio Espazos Sonoros 2014, que dirixe Belén Bermejo, ofrece desde o 14 de setembro ata o 26 de outubro unha completa programación artística en espazos únicos das catro provincias galegas, que se pode consultar nas páxinas web espazossonoros.org e cultura.gal.

 

Comparte