Nova: Unha intervención artística converte as Torres Hejduk nun arquivo sonoro para rescatar a arquitectura galega desaparecida
30/08/2018
Unha intervención artística converte as Torres Hejduk nun arquivo sonoro para rescatar a arquitectura galega desaparecida
O proxecto, inaugurado hoxe, resultou gañador no Encontro de Artistas Novos 2017 do V Concurso de Intervencións Artísticas para estas instalacións
O autor, Francisco Ramallo, procura con esta iniciativa que as Hejduk se convertan nunha ferramenta contra o esquecemento arquitectónico
Santiago de Compostela, 30 de agosto de 2018.- As Torres Hejduk convértense desde hoxe e ata o 25 de novembro nun arquivo sonoro para rescatar a arquitectura galega desaparecida ou transformada, lonxe dos grandes relatos arquitectónicos presentes na contorna. Isto é posible grazas á intervención AAMA (Arquivo Aberto da Memoria Arquitectónica), de Francisco Ramallo (Granada, 1974), que foi inaugurada esta mañá na Cidade da Cultura de Galicia.
AAMA(Arquivo Aberto da Memoria Arquitectónica) é un proxecto entre o metafórico e o documental de Francisco Ramallo, gañador do Encontro de Artistas Novos 2017 da V Convocatoria de Intervencións Artísticas nas Torres Hejduk. Coa colaboración de cinco artistas galegos emerxentes que participaron no EAN da pasada edición (Estela Barone, Matías Daporta, Leyre León, Mar Suárez e Andrea Torres), este doutor en Historia da Arte levou a cabo un labor de investigación, análise e posterior recompilación de testemuños sonoros sobre edificios agora desaparecidos ou cunha función radicalmente diferente a cando os entrevistados tiveron contacto con eles.
En total, case medio cento de edificios, entre os que se atopan arquitecturas emblemáticas como o Edificio Castromil, en Santiago de Compostela, construído en 1922 e derrubado en 1974; o Cine Zárate, de Mugardos (1926), agora en ruínas; os Multicines ABC, de Pontevedra; o Club Casino de Ortigueira; ou que marcaron unha época social para distintas xeracións como a Discoteca Zao, de Cambados.
Deste xeito, conséguese unha memoria recuperada paralela á hexemónica, composta por historias —construídas desde o afecto ou desde o anecdótico— que poden ser revividas e experimentadas por todas as persoas que se acheguen ás Torres Hejduk. Precisamente, o secretario xeral de Cultura recordou que estas dúas construcións son un dos elementos “máis icónicos” do Gaiás, que, malia non formar parte do proxecto orixinal, se converteron nun símbolo do complexo e da cidade de Compostela, despois de que Peter Eisenman decidise integralas no proxecto da Cidade da Cultura tras o falecemento do seu amigo John Hejduk.
Neste senso, Anxo Lorenzo remarcou a necesidade de promover a experimentación artística contemporánea en espazos e ámbitos novos, como son as Torres Hejduk, das que destacou que se están a consolidar como un espazo expositivo non convencional. Así, lembrou que xa teñen acollido propostas de artistas como Pamen Pereira, Alejandra Sampedro, Ana Soler, Félix Fernández, Carlos Delgado Mayordomo, Sonia Navarro Peralta, Miguel Benjumea, Román Corbato, Irma Álvarez-Laviada ou a última de carácter paisaxístico de Martín Toimil, Betula Pendula.
Ferramenta contra o esquecemento
Pola súa banda, o autor do AAMA explicou que a orixe deste proxecto estivo na consideración da Cidade da Cultura —e as Torres Hejduk— como un lugar de encontro de “grandes relatos arquitectónicos”, entre a posmodernidade urbana —representada por Peter Eisenman e John Hejduk— e o Santiago histórico: “A Cidade da Cultura mira cara á antiga cidade de Santiago e as Torres Hejduk —consideradas polo seu creador como “a igrexa sen corpo”— miran cara ás torres da Catedral de Santiago”, apuntou na súa intervención.
Francisco Ramallo
Francisco Ramallo é doutor en Historia da Arte, realizou mestrados en arte e literatura, así como diferentes estancias de investigación na New York University. Actualmente é profesor de Historia da Arte na Boston University Madrid, actividade que compaxina co seu labor de comisario independente. Durante o 2016/17 desenvolveu o proxecto UT PICTURA, co que pretende rachar o funcionamento tradicional das galerías de Madrid, introducindo nestas a poesía. Acaba de inaugurar na Stone Gallery de Boston Rosana Antolí: Crossroads (Choreographies) e de publicar o libro Imágenes artísticas y literarias de la ciudad hostil. Ademais, é membro do grupo de investigación ‘Conversación Abierta’ da Sala Alcalá 31 da Comunidade de Madrid.
Clausura do EAN8
A inauguración do AAMA faise coincidir sempre coa clausura do EAN8, na que participaron 40 artistas emerxentes, procedentes de Galicia e do resto de España, para intercambiar experiencias creativas nesta consolidada residencia artística, que xa vai pola súa oitava edición e que, nesta ocasión, contou coa colaboración da Fundación Banco Sabadell.
A partir da clausura hoxe do Encontro de Artistas Novos, ábrese entre todos os participantes deste ano unha nova convocatoria de propostas para o VI Concurso das Torres Hejduk, da que xurdirá a próxima intervención artística, que será inaugurada en agosto de 2019 na IX Edición do EAN.