Nova: Urbano Lugrís e o Parque Nacional das Illas Atlánticas pechan o ciclo Monumenta, andar con arte deste 2018

01/09/2018

Urbano Lugrís e o Parque Nacional das Illas Atlánticas pechan o ciclo Monumenta, andar con arte deste 2018

O programa da Consellería de Cultura e Educación aborda a obra dos Lugrís, pai e fillo, aproximándose ao concepto da paisaxe a través da arte

O domingo, na Illa de Ons, Fernando Abreu e Pablo Carrera, compoñentes de Dous, poñerán a nota musical á xornada de clausura
 

Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2018.- Urbano Lugrís e o Parque Nacional das Illas Atlánticas poñeranlle o ramo á sexta edición do ciclo Monumenta, andar con arte, que se achega o domingo 2 de setembro á illa de Ons para realizar unha ruta diferente ás que adoitan percorrer este enclave natural, na que se vai observar o Parque Natural das Illas Atlánticas a través da relación entre arte e paisaxe. Os Lugrís, pai e fillo, e a súa peculiar maneira de entender a pintura serán as referencias do comisario e crítico de arte Xosé Carlos López Bernárdez, a paisaxista Iria Vázquez e a espeleóloga Beatriz Bruna, os expertos que acompañarán os camiñantes nesta ocasión.

O punto de encontro é o porto de Bueu, desde onde ás 10:00 horas parte o barco para chegar á illa de Ons. Alí realizarase unha ruta de 8 quilómetros, con dificultade media e na que se quere achegar unha perspectiva distinta sobre o parque natural, mediante a observación da contorna a través dos ollos dos artistas. As prazas para esta andaina, que espertou grande interese, están cubertas desde o pasado luns.

A través dun traxecto circular cara ao miradoiro de Fedorentos primeiro e indo ata a praia de Melide despois, proxectarase unha aproximación á obra de Urbano Lugrís, o pintor do mundo mariño, e Urbano Lugrís Vadillo, o seu fillo, falecido este mesmo ano, definido polos expertos como un “espeleólogo da pintura”.

O último Monumenta Escoita de 2018 correrá a cargo do grupo Dous, formado por Fernando Abreu e Pablo Carrera, que ofrecerán música popular con sons cos que imaxinar paisaxes de toda a terra.

Iniciativas de achegamento ao patrimonio cultural

Para favorecer un maior aprecio e coñecemento do patrimonio cultural, a Consellería de Cultura e Educación vén promovendo iniciativas de achegamento aos bens monumentais a través de vivencias novas. Nesta liña enmárcanse este ciclo de Monumenta e o de Espazos Sonoros, que comezou hoxe mesmo na illa de Sálvora, así como outras iniciativas que contan co apoio do departamento, como o Ciclo de Música Relixiosa de Barcia de Mera ou o Festival Hércules Brass.

Para darlle maior difusión a esta iniciativa que pecha mañá a súa sexta edición, a Secretaría Xeral de Cultura lanzou un vídeo que se pode ver na páxina de Cultura https://www.cultura.gal/gl/videos e na súa canle de YouTube https://youtu.be/JuHqK_kKeBw.
 

Comparte