Nova: Cheo na estrea de ‘As laranxas máis laranxas de todas as laranxas’ en Ourense

03/10/2014

Cheo na estrea de ‘As laranxas máis laranxas de todas as laranxas’ en Ourense

A montaxe do Centro Dramático Galego, a partir da obra de Carlos Casares, congregou tamén numeroso público infantil

  • As laranxas máis laranxas de todas as laranxas As laranxas máis laranxas de todas as laranxas

Santiago, 3 de outubro de 2014.- O Centro Dramático Galego (CDG) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria estreou esta tarde en Ourense o seu espectáculo ‘As laranxas máis laranxas de todas as laranxas’, que completou a capacidade do Teatro Principal nunha función especial á que asistiron tamén numerosos nenos e nenas. O conselleiro Xesús Vázquez Abad acompañou o equipo da compañía pública no pase inaugural desta montaxe de teatro e música para toda a familia, realizada a partir da obra homónima de Carlos Casares.

Xunto con Vázquez Abad e en representación da Consellería de Cultura e Educación, asistiron así mesmo o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil; e a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Beatriz González Loroño. O espectáculo, co que o CDG abre a súa temporada 2014-15, congregou ademais destacados representantes do ámbito institucional e cultural da cidade das Burgas.

Nova ollada
Baixo a dirección escénica do luso-brasileiro José Caldas e a musical do galego Bernardo Martínez, esta proposta achégalles aos espectadores unha nova ollada sobre a obra de Casares, así como sobre o espectáculo que os devanditos directores deseñaron en 2004 para o CDG e que supuxo a primeira incursión da compañía institucional galega no teatro para público infantil.

A montaxe de 2014 conta cun novo elenco de seis actores e actrices multifacéticos (Alba Blanco Taín, Alberte Cabarcos, Davide González Lorenzo, Ailén Kendelman, Fran Lareu e Laura Villaverde), que coas súas achegas interpretativas e musicais contribúen tamén a enriquecer esta recreación da historia escrita por Carlos Casares e que o propio autor describiu como “un disparate continuo de movemento e fantasía”.

O espectáculo ideado por Caldas reúne nun só acto todas as expresión artísticas, con elementos que van dende a traxedia grega ao teatro popular de rúa de Brasil e Portugal, pasando pola Comedia da Arte e ofrecendo tamén unha homenaxe ao mundo do circo.

Ao tempo, mantense fiel a toda a obra infantil de Casares e mesmo integra de xeito harmonioso o conto ‘A galiña azul’, ademais doutros textos do escritor ourensán que se empregan nas letras das cancións compostas por Bernardo Martínez. Todos estes elementos contribúen a crear o mundo máxico, colorista e absurdo que habitan Anxa e Elías, xunto á Veciña Sabida, a Veciña Desdentada, o Veciño Gordo e o Veciño da Escopeta, e no que teñen lugar unha serie de disparatados acontecementos que dan comezo cando no limoeiro da horta dos protagonistas aparecen unhas enormes laranxas.

Xira
Tras esta estrea no Teatro Principal de Ourense, ‘As laranxas máis laranxas de todas as laranxas’ pon rumbo cara ao Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa, onde se representará este domingo 5, ás 18.00 horas, para público xeral, e o luns 6 pola mañá en función escolar.

O espectáculo tamén poderá verse en Narón (Pazo da Cultura, 12 de outubro), Pontevedra (Auditorio do Centro Social Afundación, 17 e 18 de outubro), Vigo (Teatro do Centro Cultural Afundación, 2 e 3 de novembro), Viveiro (Teatro Pastor Díaz, 12 e 13 de novembro), Tui (Teatro Municipal, 18 e 19 de novembro), O Barco de Valdeorras (Teatro Municipal Lauro Olmo, 21 de novembro), Rianxo (Auditorio Municipal, 3 de decembro), A Estrada (Teatro Principal, 5 de decembro) e Santiago de Compostela (Salón Teatro, do 9 ao 30 de decembro).
 

Comparte