Nova: Presentada 'Da natureza de escritores, artistas e vermes’, gañadora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2013

02/10/2014

Presentada 'Da natureza de escritores, artistas e vermes’, gañadora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2013

José Maria Durán Medraño reflexiona neste ensaio sobre a concepción do traballo na sociedade contemporánea

  • 'Da natureza de escritores, artistas e vermes' 'Da natureza de escritores, artistas e vermes'

Santiago, 2 de outubro de 2014.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou este serán no acto no que se deu a coñecer a obra gañadora da pasada edición do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio: Da natureza de escritores, artistas e vermes, de José María Durán Medraño, celebrado na libraría compostelá Pedreira.

García Gómez expresou a súa satisfacción pola enorme calidade e a variedade temática dos ensaios que, como este, están vendo a luz da man do Premio Ramón Piñeiro e que “revelan ao tempo que contribúen a desenvolver, como querería o ilustre galeguista que lle dá nome ao galardón, a idoneidade da lingua galega para tratar calquera tipo de asunto con calquera nivel de profundidade”.

A canda o secretario xeral de Política Lingüística, interviñeron na presentación o autor do ensaio, José María Durán Medraño; o director xeral de Galaxia, Víctor F. Freixanes; o delegado xeral en Galicia e a responsable de relacións institucionais en Galicia de Gas Natural Fenosa, Manuel Fernández Pellicer e Amalia Baltar, respectivamente; e o filósofo Antón Baamonde.

Ensaio sobre o pracer do traballo
Da natureza de escritores, artistas e vermes, a obra de José María Durán Medraño que se presentou este serán, leva o suxestivo subtítulo de Ensaio sobre o pracer do traballo nun diálogo con Karl Marx e aborda a concepción do traballo na sociedade contemporánea botando man das achegas recentes do pensamento para subliñar a súa dimensión estética e creativa.

No seu día, o xurado do Premio de Ensaio Ramón Piñeiro valorou o rigoroso labor de argumentación dunha peza escrita desde unha perspectiva orixinal e provocadora que lle permitiu impoñerse aos outros 12 orixinais, todos de indubidable calidade, presentados a concurso.

Durán Medraño
José María Durán Medraño (Vigo, 1971) é doutor en Historia da Arte pola UNED e docente no Instituto de Historia da Arte da Freie Universität de Berlín. Forma parte do grupo de investigación arredor de “O capital” do Instituto de Filosofía da devandita universidade e publica regularmente nas revistas “A trabe de ouro”, “Nómadas” e “ArtNotes”, da que é correspondente na capital alemá.

Gañador tamén do V Premio Escritos sobre Arte (2009), convocado pola Fundación Arte y Derecho, conta con diversas publicacións de carácter ensaístico, como A obra pictórica de Xosé Lodeiro. Un ensaio de aproximación estética (Espiral Maior, 1997) ou Novas perspectivas en torno a Marx e O capital na Alemaña (Laióvento, 2008).

Premio Ramón Piñeiro de Ensaio
O Premio Ramón Piñeiro de Ensaio convócano dende o ano 2000 a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a editorial Galaxia coa colaboración de Gas Natural Fenosa. Creado en memoria do escritor e filósofo cuxo nome leva, acóllese ao espírito que inspirou a traxectoria intelectual deste galeguista, coa intención de impulsar as formas de creación e de expresión do pensamento libre e democrático, a precisión e o estilo da lingua galega e mais o debate e a reflexión arredor dos temas do noso tempo.

Comparte