Nova: O Festival Igual Arte promove a inclusión social a través da creatividade

03/10/2014

O Festival Igual Arte promove a inclusión social a través da creatividade

Diversas compañías de arte integradas por persoas con discapacidade actuarán en Vigo do 6 ao 10 de outubro nesta iniciativa que organiza a Fundación Igual Arte

Na presentación do festival, o secretario xeral de Cultura referiuse á programación como “unha mostra de creatividade e de auténtica capacidade"

Música, artes plásticas, teatro, danza e audiovisual centran as propostas do festival, que abrirá coa nova produción de Igual Arte, o concerto ‘Devir’

  • Cartel do festival Cartel do festival
  • O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, na presentación do certame da Fundación IgualArte O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, na presentación do certame da Fundación IgualArte

Vigo, 3 de outubro de 2014.- O II Festival Artístico Igual Arte ofrecerá do 6 ao 10 de outubro en Vigo unha mostra da creatividade de compañías de arte procedentes de gran parte do Estado español integradas por persoas con discapacidade.

Na rolda de prensa de presentación da programación, que tivo lugar hoxe, o secretario xeral de Cultura destacou que “detrás deste festival hai un traballo constante para aproveitar as artes como vías de crecemento persoal, de desenvolvemento das capacidades, da autoestima etc., imprescindibles para avanzarmos na integración”.

“Para a Xunta de Galicia –engadiu– é unha riqueza e unha enorme satisfacción poder contribuír a que se mostre, a que se poña en exposición e nos escenarios a capacidade de traballo, de creación individual e colectiva dos grupos participantes”.

“Unha mostra de auténtica capacidade”
“A programación que presentamos hoxe é unha auténtica mostra de creatividade e de produción cultural nos diferentes ámbitos; é, polo tanto, unha mostra de auténtica capacidade”, dixo. Tamén afirmou o secretario xeral que é “posible facer e ofrecer moitas cousas desde esa diversidade das capacidades que temos cada un”. Porque, segundo explicou, “o que temos nesta programación é unha oferta cultural máis, interesante e sorprendente, que vén enriquecer a programación cultural da cidade”.

Apertura coa participación de Anxo Pintos
O luns 6 de outubro, ás 20:30 horas, terá lugar no Auditorio do Centro Cultural Afundación de Vigo a inauguración da segunda edición do festival, que dará comezo cunha nova produción de Igual Arte, ‘Devir’, un concerto de música tradicional contará con Anxo Pintos como artista convidado.

Trece propostas artísticas
Un total de trece serán as propostas artísticas que se poderán ver no Auditorio do Concello de Vigo desde o martes 7 ata o xoves 9 de outubro. O día 10, o festival continuará no Centro Cultural Afundación coa estrea da curtametraxe ‘Narci’, producida por Igual Arte e protagonizada polo actor galego Javier Gutiérrez, recentemente galardoado no Festival Internacional de Cine de San Sebastián.

A clausura do festival terá lugar ese mesmo día coa entrega dos premios do II Certame Artístico Igual Arte. As compañías que participan no festival son as finalistas deste certame anual promovido pola fundación galega Igual Arte, que nesta edición contou coa participación de máis de 60 obras artísticas nas cinco categorías a concurso (música, plástica, danza, audiovisual e teatro).

Integración da diversidade
Para o desenvolvemento cultural comunitario e persoal da cidadanía galega, as políticas de integración, tanto nos públicos como na propia creación artística, son fundamentais para conseguir unha transformación progresiva a favor da heteroxeneidade e do enriquecemento do conxunto. Nesa dirección enmárcase o apoio da Consellería de Cultura e Educación ás iniciativas que vén promovendo a Fundación Igual Arte.

Comparte