Nova: Xosé María Álvarez Cáccamo, Luz Darriba, o Fiot, A Roda, o Festival de Cans, Antón Santamarina, O Sorriso de Daniel e Ramón Villares, Premios da Cultura Galega 2018

24/09/2018

Xosé María Álvarez Cáccamo, Luz Darriba, o Fiot, A Roda, o Festival de Cans, Antón Santamarina, O Sorriso de Daniel e Ramón Villares, Premios da Cultura Galega 2018

O xurado dos premios, presidido polo conselleiro de Cultura e Educación, reuniuse hoxe para distinguir os galardoados de 2018 nas modalidades de Letras, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Música, Audiovisual, Lingua, Patrimonio Cultural e Proxección Exterior

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2018.- Xosé María Álvarez Cáccamo, Luz Darriba, o Festival Internacional de Outono de Teatro-FIOT, o grupo A Roda, o Festival de Cans, Antón Santamarina, a Asociación O Sorriso de Daniel e Ramón Villares son os galardoados dos Premios da Cultura Galega 2018. Os premiados foron distinguidos nas modalidades de Letras, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Música, Audiovisual, Lingua, Patrimonio Cultural e Proxección Exterior, respectivamente, por un xurado que estivo presidido polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez.

A Biblioteca e Arquivo de Galicia, na Cidade da Cultura, acolleu hoxe a reunión do xurado, do que tamén formaron parte o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o vicepresidente do Consello da Cultura Galega, Xosé Manuel Núñez Seixas, por delegación da súa presidenta; a tesoureira da Real Academia Galega, Marilar Aleixandre, por delegación do presidente da institución; a académica numeraria da Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, Asunta Rodríguez, por delegación do presidente da entidade; o reitor da Universidade da Coruña, Julio E. Abalde Alonso, e a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella. Participaron tamén no xurado os profesionais da cultura Xosé Manuel Aldea Moscoso, editor e xestor cultural; a directora de cine, guionista e produtora Zaza Ceballos, a escritora María Solar Núñez e a directora do Museo de Belas Artes da Coruña, Ángeles Penas Truque. Actuou como secretaria a xefa do servizo de Xestión Administrativa da Secretaría Xeral de Cultura, Marta Bardal Sanmiguel.

Xosé María Álvarez Cáccamo, Letras

Na modalidade de Letras o galardoado é Xosé María Álvarez Cáccamo, un dos escritores máis destacados do panorama literario galego actual. Licenciado en filoloxía románica e profesor de literatura entre 1973 e 2010, o vigués é autor dunha prolífica obra que, desde a publicación do seu primeiro poemario, Praia das furnas, en 1983, non deixou de medrar. Ademais de poesía, cultivou relato breve e teatro, e realizou numerosos estudos centrados na poesía galega da segunda metade do XX, ademais de incursións na literatura infantil. A calidade do seu traballo fíxoo merecedor de destacados premios, como o Esquío, o González Garcés, o Arume de Poesía para Nenos ou os da Crítica de Galicia e de España.

Luz Darriba, Artes Plásticas

A creadora Luz Darriba fíxose co Premio da Cultura Galega de Artes Plásticas. Nada en Montevideo e emigrada a Galicia en 1990, é autora de 40 macroaccións urbanas, entre as que destacan intervencións como Cumulum, coa que rodeou a muralla de Lugo con máis de medio millón de libros para favorecer a súa declaración como patrimonio da humanidade pola Unesco. A denuncia da discriminación e a violencia contra as mulleres é o eixo central da obra da artista, que ten realizado máis de 250 mostras colectivas en países como Arxentina, Uruguai, Brasil, Costa Rica, Francia, Luxemburgo, Alemaña, Xapón, Malaisia, Reino Unido, Estados Unidos ou Bélxica e máis de 50 exposicións individuais internacionais.

FIOT, Artes Escénicas

En Artes Escénicas o recoñecemento é para o Festival Internacional Outono de Teatro-FIOT, todo un referente na difusión e visualización das artes escénicas de Galicia. Celébrase en Carballo desde 1992, organizado pola Asociación Cultural Telón e Aparte en colaboración co Concello de Carballo. Desde o seu inicio foi medrando de xeito exponencial tanto na calidade das programacións como na fidelización de público. Pola súa traxectoria, calidade da programación e a variedade das propostas de intermediación cultural que ofrece está recoñecido como un dos máis importantes festivais de Galicia, cun programa que vén ofrecendo unha trintena de obras e preto de 100 actividades paralelas.

A Roda, Música

Os Premios da Cultura Galega 2018 distinguen A Roda en Música. O grupo cumpre en 2018 catro décadas enriba dos escenarios; toda unha vida dedicada a promover e a difundir a música galega. Expoñente da música popular galega, da música de taberna, algunhas das letras das súas cancións, como Pousa, pousa ou o Miudiño, acadaron ao longo destes corenta anos unha extraordinaria difusión tanto dentro coma fóra de Galicia. Recibiron numerosos premios e publicaron 17 traballos discográficos, que avalan a traxectoria dun dos grupos en activo máis antigos e comprometidos coa lingua galega.

Festival de Cans, Audiovisual

O galardón en Audiovisual é para o Festival de Cans, un encontro audiovisual de produción galega, onde outras manifestacións culturais tamén xogan un papel relevante. Organizado anualmente pola Asociación Cultural Arela, baixo a dirección de Alfonso Pato, na parroquia de Cans, coincidindo co festival de Cannes de Francia, en boa medida polo paralelismo entre os dous nomes. Cunha programación de curtas, estreas de filmes e documentais, coloquios con cineastas, rutas sonoras e diversas actividades que chegan actualmente a máis de 13.000 persoas, Cans convértese nun punto de encontro da creación galega emerxente e nunha gran plataforma de difusión dos novos creadores e creadoras.

Antón Santamarina, Lingua

En Lingua o premiado é Antón Santamarina (A Fonsagrada, 1942), lingüista, catedrático de filoloxía románica pola Universidade de Santiago e membro de número da Real Academia Galega. Secretario do departamento de Lingua Galega na Xunta preautonómica en 1979, onde iniciou a implantación do ensino do galego na EXB e o BUP, vén realizando un destacado labor de investigación en diferentes áreas da lingüística galega, entre as que destaca a lexicografía. Neste ámbito publicou o Dicionario de dicionarios e actualmente dirixe o Tesouro Informatizado da Lingua Galega. Ademais, está colaborando na redacción do dicionario académico. O Atlas Lingüístico Galego (1987-2003) ou o Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega (VOLGa) son outros dos proxectos nos que tomou parte.

O Sorriso de Daniel, Patrimonio Cultural

O Sorriso de Daniel, que toma o seu nome da escultura do profeta Daniel no Pórtico da Gloria, é unha asociación creada en Santiago de Compostela en 2010 cuxos fins fundacionais son promover, defender, estimular e apoiar a conservación do patrimonio medieval galego e mais difundir, tanto dentro coma fóra de Galicia, este patrimonio, particularmente todas as manifestacións da arte románica: arquitectura, escultura, pintura, artes suntuarias etc. Con este fin, vén desenvolvendo un amplo labor de actividades baseadas na defensa e promoción do románico galego, coa realización de conferencias, itinerarios culturais e visitas guiadas, entre outras iniciativas.

Ramón Villares, Proxección Exterior

Ramón Villares (Xermade, 1951), Premio Cultura Galega de Proxección Exterior, é un dos historiadores e intelectuais máis relevantes da Galicia dos últimos lustros e autor dunha extensa obra sobre historia agraria, cultural e política. Académico numerario da Real Academia Galega, presidiu o Consello da Cultura Galega entre 2006 e 2018, período en que a institución centrou unha parte importante do seu traballo no impulso da acción exterior. Destacan nesta liña proxectos vinculados coa posta en valor da memoria e dos legados dos emigrantes galegos, con iniciativas como Luces de alén mar. As escolas de americanos en Galicia; ou coa recuperación da historia do asociacionismo galego na emigración, materializada na exposición Nós mesmos.

O recoñecemento á excelencia creativa, á capacidade de intercambio, á experimentación e á proxección da construción cultural de Galicia nos diferentes ámbitos é o principal obxectivo dos Premios da Cultura Galega, convocados polo Goberno galego a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Comparte