Nova: Galicia recibe o cadro A derradeira leición do mestre que, por primeira vez, sae de Bos Aires para ser o eixo da exposición Castelao maxistral, no Gaiás
04/10/2018
Galicia recibe o cadro A derradeira leición do mestre que, por primeira vez, sae de Bos Aires para ser o eixo da exposición Castelao maxistral, no Gaiás
O presidente do Goberno galego asistiu á recepción da obra, na Cidade da Cultura
Salienta a importancia de ter esta obra, que nunca antes saíra do Centro Galicia da capital arxentina, durante uns meses,“xa que se trata dunha obra moi significativa na súa traxectoria e tamén un símbolo para Galicia”
Enxalza a capacidade de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao para demostrar que Galicia non é unha realidade pequena, illada ou limitada, senón que ten infinitas posibilidades para proxectarse no mundo
Fai un recoñecemento expreso á colectividade galega na Arxentina e, de xeito especial, ao Centro Galicia de Bos Aires, que sempre amosou a mellor disposición para facer realidade este proxecto
Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2018. O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, expresou hoxe a emoción ante a chegada do cadro A derradeira leición do mestre que, por primeira vez, sae “da outra Galicia, a que Castelao e moitos máis construíron en Bos Aires desde a emigración ou o exilio”, para ser o eixo da exposición Castelao maxistral, no Gaiás.
Durante o acto de recepción, Feijóo salientou a importancia de ter esta obra, que nunca antes saíra do Centro Galicia da capital arxentina, durante uns meses, “xa que se trata –afirmou- dunha obra moi significativa na súa traxectoria e tamén un símbolo para Galicia: pola man que a pintou; pola súa excepcional calidade; e pola lección histórica que representa e a homenaxe que dedica aos mestres”.
O titular da Xunta destacou o forte contido simbólico do cadro: “Se algo define a obra de Castelao é a súa intolerancia coa inxustiza, que se configura como unha advertencia do que non debería volver a pasar”, enxalzou, lembrando que en cada creación de Castelao “atopamos a vocación de construír un mundo mellor”.
Sobre este punto, Feijóo resaltou a capacidade de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao para demostrar que Galicia non é unha realidade pequena, illada ou limitada, senón que ten infinitas posibilidades para proxectarse no mundo.
“Cando Castelao pintou esta obra en 1945 a Galicia que el quería só se podía soñar. E, por fortuna, desde entón o pobo galego logrou alcanzar o autogoberno do que hoxe gozamos”, dixo, ao que engadiu que, “en gran medida, somos a Galicia que soñaba”.
Logo de resaltar a homenaxe á educación que representa a obra de Castelao. Un papel o da educación, “fundamental para chegar ata aquí e tamén para o noso porvir”, Feijóo concluíu cun agradecendo expreso á colectividade galega na Arxentina e, de xeito especial, ao Centro Galicia de Bos Aires, que sempre amosou a mellor disposición para facer realidade este proxecto.
Cómpre salientar que a obra, un óleo de dous metros de altura, viaxou desde Arxentina a Madrid en avión, durante a pasada fin de semana, e foi trasladado por estrada ata o Gaiás, con todas as condicións de seguridade e atendendo aos estándares profesionais máis rigorosos.
O cadro formará parte da mostra Castelao maxistral, cuxa inauguración terá lugar o venres 5 de outubro, e que renderá unha homenaxe aos mestres e mestras das primeiras décadas do século pasado.