Nova: Galicia LE, nova plataforma para o préstamo do libro electrónico
07/10/2014
Galicia LE, nova plataforma para o préstamo do libro electrónico
Xunto coa próxima posta en marcha deste servizo, a Consellería de Cultura e Educación mellora o sistema bibliotecario galego cunha liña de axudas de 160.000 euros para ampliar as coleccións bibliotecarias
Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2014.- O sistema bibliotecario de Galicia contará cunha liña de subvencións plurianual dotada con 160.000 euros para a mellora das coleccións da Rede de Bibliotecas de Galicia a través da dotación de novos fondos. Asemade, a Xunta porá en marcha nos próximos días a plataforma para o préstamo de libro electrónico Galicia LE.
As axudas subvencionan os gastos das bibliotecas e axencias de lecturas municipais na adquisición de libros, de material sonoro e audiovisual, así como de recursos electrónicos, partituras e material cartográfico, entre o 1 de xaneiro de 2014 o 15 de abril de 2015. Con estas axudas, a Consellería de Cultura e Educación contribúe a facer das coleccións bibliotecarias un recurso dinámico, enriquecido anualmente coa chegada de materiais novos para satisfacer as demandas xerais dos usuarios e usuarias e para ofrecer un servizo de calidade.
Así o asegurou este mañá o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, durante a xornada de formación que tivo lugar na Cidade da Cultura para lles dar a coñecer aos técnicos das bibliotecas esta nova plataforma, Galicia LE, que se presentará o próximo día 20. “Hai xa tempo que vimos traballando neste novo servizo que agora –dixo– vai ser unha realidade no noso sistema de bibliotecas”.
Trátase dun espazo virtual para o préstamo de libro electrónico dirixido ao conxunto dos usuarios e usuarias das bibliotecas públicas de Galicia, promovido pola Consellería en colaboración coa Amtega e co Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, que “incrementa as posibilidades de lectura, poñendo á disposición da cidadanía unha importante colección de títulos en formato electrónico, en galego e en castelán, e de xeito gratuíto”.
Axudas para mellorar as coleccións
Para o programa de mellora das coleccións bibliográficas, Cultura e Educación establece, por vez primeira, un procedemento regulado mediante unha convocatoria de axudas pública no ‘Diario Oficial de Galicia’, dirixida aos concellos titulares de bibliotecas ou axencias de lectura integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia cunha poboación igual ou inferior a 30.000 habitantes.
Servizos aos concellos con menos recursos
Deste xeito, o obxectivo é asegurar que os concellos de menor poboación e con menores recursos poidan recibir unha axuda que lles permita actualizar os seus fondos e prestar un servizo aos seus usuarios de similar calidade que o dos municipios máis poboados de Galicia. Ata este momento, a distribución das axudas era proporcional ao investimento realizado en adquisicións polos concellos, polo que os 12 municipios máis poboados de Galicia, con máis de 30.000 habitantes, percibiron tamén máis subvencións durante os últimos anos.
Ademais de establecer un procedemento equitativo na repartición das axudas en función de criterios poboacionais, a convocatoria define o tipo de fondos cos que se deben mellorar as coleccións bibliotecarias, de xeito que se garanta tamén a súa adecuación ás demandas dos usuarios e usuarias. Así mesmo, o carácter plurianual da convocatoria permítelles aos técnicos bibliotecarios dispoñer dunha maior marxe para planificar as adquisicións, atendendo de forma especial ás campañas de verán e de Nadal, nas cales se incrementa a demanda por parte dos usuarios e usuarias das bibliotecas.
Tamén se teñen en conta criterios de asiduidade e profesionalidade, polo que as bibliotecas e axencias de lecturas beneficiarias deben contar cun mínimo de 15 horas semanais de apertura ao público e ter informatizada a súa xestión.
Adquisición de novidades editoriais en galego
Esta liña de subvencións para a mellora das coleccións complétase co programa de adquisicións editoriais da Secretaría Xeral de Cultura, centradas no libro en galego, a través do que se distribuíron na Rede de Bibliotecas de Galicia un total de 106 títulos en lingua galega, e 18.747 exemplares dun total de 25 editoriais.
O libro e a lectura constitúen dous piares básicos para o desenvolvemento sociocultural das comunidades e dos individuos. Por iso, as prioridade de actuación da Xunta de Galicia neste ámbito son o incremento dos índices de lectura na poboación de Galicia, a mellora dos servizos bibliotecarios, e unha creación literaria viva e rica, así como un mercado do libro forte, sustentable e adaptado aos desafíos tecnolóxicos actuais.