Nova: A nova campaña en Formigueiros permite completar a escavación de dúas casas e avanzar no coñecemento do Castro

24/10/2018

A nova campaña en Formigueiros permite completar a escavación de dúas casas e avanzar no coñecemento do Castro

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, visitou o xacemento, no que a Xunta está a investir preto de 15.000 euros

A documentación recollida trasladarase a unha aplicación informática que ofrecerá unha visita virtual con detalles das sucesivas fases de recuperación

  • O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, visitou o xacemento, no que a Xunta está a investir preto de 15.000 euros O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, visitou o xacemento, no que a Xunta está a investir preto de 15.000 euros
  • O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, visitou o xacemento, no que a Xunta está a investir preto de 15.000 euros O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, visitou o xacemento, no que a Xunta está a investir preto de 15.000 euros

Samos (Lugo), 24 de outubro de 2018.- A Consellería de Cultura e Turismo está a realizar traballos de escavación arqueolóxica e rehabilitación no Castro de Formigueiros, no concello de Samos, que permitiron descubrir ao completo a estrutura de dúas casas e avanzar no coñecemento do xacemento.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou hoxe o castro xunto con técnicos do Servizo de Patrimonio Cultural de Lugo para comprobar a marcha da intervención, na que a Consellería investiu preto de 15.000 euros; resta aproximadamente unha semana de traballo que se centrará na consolidación das dúas vivendas e doutros elementos puntuais.

Unha das casas estaba parcialmente enterrada, mentres que na outra derrubouse un muro de construción tardía -tardorromana ou medieval- que estaba superposto á vivenda castrexa orixinal; a actuación permite observar o conxunto, un edificio de planta rectangular con dúas construcións anexas circulares.

A Xunta tamén realiza labores de roza e limpeza no castro; o proxecto permite mellorar a percepción do xacemento, que agora mostra completamente ao descuberto cinco vivendas datadas en torno ao cambio de era (entre o século I antes e despois de Cristo), todas cos seus anexos ou ampliacións, tanto en planta circular como rectangular.

Ademais, estase completando a documentación fotogramétrica de todo o proceso, que xunto cos datos recollidos en campañas anteriores servirá para a elaboración dunha aplicación informática que ofrecerá unha visita virtual coa posibilidade de comprender as sucesivas fases de descubrimento do castro, as escavacións e consolidacións acometidas ata chegar ao estado actual.

O castro de Formigueiros está situado na Serra do Édramo e é un importante asentamento castrexo, caracterizado por unha impoñente muralla pétrea, con torreóns, e un complexo sistema defensivo formado por foxos e parapetos. Ten unha interesante arquitectura doméstica, con casas formadas por unha ou dúas habitacións, con tellados de lousa. Nel apareceron gravados de peixes e cabalos nas lousas do pavimento dunha praciña, e de laberintos en diferentes contextos. Está documentada a ocupación desde o século III a.C a mediados do século I da nosa era.

Comparte