Nova: A Biblioteca Pública Municipal de Camariñas, primeira galardoada co premio de innovación bibliotecaria de Galicia

26/10/2018

A Biblioteca Pública Municipal de Camariñas, primeira galardoada co premio de innovación bibliotecaria de Galicia

Trátase dun recoñecemento, que supón unha dotación económica de 3.000 euros e un distintivo, creado por primeira vez pola Consellería de Cultura e Turismo

O director xeral de Políticas Culturais valorou a calidade das propostas presentadas con motivo da I Xornada de Bibliotecas Públicas de Galicia, á que asistiron 170 persoas das bibliotecas municipais e de xestión autonómica
 

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2018.- A Biblioteca Pública Municipal do concello de Camariñas acaba de ser galardoada co Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia polo proxecto O berberecho Rebecho viaxa a La Turballe. Este galardón, que convocou por primeira vez a Consellería de Cultura e Turismo este 2018, implica unha dotación económica de 3.000 euros e un distintivo de biblioteca innovadora.

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, entregou o premio á biblioteca de Camariñas, que foi seleccionada entre as outras dúas finalistas (Biblioteca Ágora da Coruña e Biblioteca Pública Municipal Neira Vilas de Vigo) do total de 12 proxectos que se presentaron ao premio. O xurado, reunido este pasado martes, tivo en conta o carácter innovador ou orixinalidade, a adaptación á contorna e implicación da comunidade no deseño, a súa utilidade para diferentes colectivos de persoas usuarias, a participación doutros sectores ou institucións, etc.

Neste contexto, Anxo Lorenzo destacou a calidade das propostas presentadas, que demostran que as bibliotecas están en contacto coas necesidades da sociedade e os retos futuros. Precisamente, esta primeira edición do premio coincide coa organización da I Xornada de Bibliotecas Públicas de Galicia por parte da Consellería baixo o lema As bibliotecas públicas do futuro: as bibliotecas en proceso de cambio.

Este evento, que ao longo da xornada deste venres reuniu 170 persoas vinculadas coas bibliotecas municipais e coas de xestión autonómica, ten por obxectivo crear e iniciar un camiño como espazo de encontro entre os profesionais que desenvolven o seu traballo diario nas bibliotecas públicas de Galicia; así como sentar as bases que permitan camiñar cara ao futuro con obxectivos e recursos compartidos e cunha perspectiva clara dos retos vindeiros.

Desde as 9,00 horas da mañá, os participantes puideron asistir a conferencias sobre servizos innovadores, novas formas de artellar os espazos bibliotecarios e innovación dixital; ou a obradoiros participativos.

Proxecto da biblioteca de Camariñas

O berberecho Rebecho viaxa a La Turballe é un proxecto, segundo destacou a comisión de avaliación, innovador e orixinal centrado na súa contorna, que aproveita a oportunidade que supón o irmanamento do concello coa poboación francesa de La Turballe. Con este proxecto, a biblioteca funciona como centro de aprendizaxe ao longo da vida achegando aos seus usuarios outras linguas, dando a coñecer a cultura francesa, outras realidades do país veciño moi semellantes ás súas, a súa literatura, a súa forma de vida e a gastronomía.

Así mesmo, busca poñer en valor e cultivar a identidade local de carácter mariñeiro, o coñecemento do patrimonio histórico e da cultura local. Destaca tamén, tal e como se recolle na acta da comisión de valoración do premio, o establecemento de nexos de unión entre as dúas vilas e a creación e promoción de sinerxías atlánticas.

Comparte