Nova: Cultura e Turismo destinará case 30 millóns de euros en 2019 para comezar coa posta en marcha do Xacobeo

29/10/2018

Cultura e Turismo destinará case 30 millóns de euros en 2019 para comezar coa posta en marcha do Xacobeo

O conselleiro Román Rodríguez explica que, ademais da partida específica de 7,4 millóns, hai que engadir outros 12 para conservación, mantemento ou sinalización dos Camiños e os preto de 8,5 para a rehabilitación de bens de interese cultural

Na súa comparecencia no Parlamento cifra en 141 millóns o orzamento da Consellería para o vindeiro ano, o que supón un crecemento do 6,2%, que a sitúa como a segunda con maior aumento

Remarca que o obxectivo do seu departamento é reforzar as sinerxías entre o turismo e a cultura, “dous ámbitos estratéxicos para Galicia, fonte fundamental de recursos e emprego, e que, ademais, fortalecen a nosa marca como país”
 

  • Vídeo da intervención

Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2018.- O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, explicou que a Consellería de Cultura e Turismo destinará preto de 30 millóns de euros en 2019 para comezar coa posta en marcha do Xacobeo 21. Así o manifestou con motivo da súa comparecencia no Parlamento para explicar os orzamentos do vindeiro ano, nos que o departamento que dirixe contará con máis de 141 millóns de euros, o que supón un crecemento do 6,2% con respecto ao que sumaban os departamentos de Cultura e de Turismo no pasado exercicio. Ademais, esta contía xeral sitúa á Consellería como a segunda con maior aumento orzamentario da Xunta; a primeira se se teñen en conta unicamente os fondos propios.

Ademais de debullar os datos económicos, Román Rodríguez valorou de xeito positivo a evolución da cultura galega e do turismo nos últimos anos. Neste sentido, e segundo a diagnose realizada polo Consello da Cultura Galega e presentada este 2018, obsérvase unha recuperación dos sectores culturais, mentres que o eido turístico está atravesando un momento de consolidación tras un lustro de intensos crecementos. Ambos os dous sectores, de xeito conxunto, representan un 15% do PIB de Galicia.

Deste xeito, e tal e como afirmou o conselleiro, o obxectivo da nova Consellería pasa por reforzar as sinerxías entre o turismo e a cultura, “dous ámbitos estratéxicos para Galicia, fonte fundamental de recursos e emprego e que fortalecen a nosa marca como país”, remarcou.

Xacobeo 21, un reto colectivo

A idea de que o Xacobeo 21 é máis que unha cita dun ano concreto refórzase nestes próximos orzamentos. O vindeiro Ano Santo, en palabras de Román Rodríguez, “é un reto transversal e colectivo, non só para esta Consellería senón para toda a administración e para o conxunto da sociedade galega”. Por iso, Cultura e Turismo destinará preto de 30 millóns de euros en accións relacionadas coa posta en marcha do Xacobeo.

Neste sentido, ademais da partida de 7,4 millóns de euros para a súa planificación directa (é a primeira vez que se recolle unha contía específica para o Xacobeo), hai que sumar os 12 millóns para a conservación, mantemento ou sinalización dos Camiños de Santiago, así como para a Rede de Albergues. Así mesmo, tamén se inclúe a previsión de case 8,5 millóns para a rehabilitación de bens de interese cultural dos Camiños, así como as diferentes actividades audiovisuais, museísticas e expositivas ao redor da Ruta Xacobea.

En definitiva, as contas públicas de Cultura e Turismo para 2019 permitirán continuar coas principais liñas de traballo en desenvolvemento, crear novos programas que lle dean un impulso renovado á cultura e turismo galegos, e sentar as bases do Xacobeo 21. “Un proxecto sobre o que construiremos a Galicia da terceira década do século XXI”, finalizou o conselleiro.

Compromiso coa promoción do galego en todos os ámbitos

Co obxectivo de seguir impulsando unha política lingüística que promova o uso da nosa lingua propia en todos os ámbitos, a Secretaría Xeral de Política Lingüística disporá en 2019 de 8 millóns de euros, o que supón un 3% máis con respecto ao exercicio pasado. Esta subida permitirá reforzar o profesorado que imparte a ensinanza do Celga, as campañas de normalización e as actividades de formación, ou crear novos centros de estudos galegos: na Universidade de Santa Bárbara (EE.UU.) e en Turín.

Un dos principais retos é fomentar os afectos da mocidade cara o galego e, por iso, o vindeiro ano destinaranse 150.000 euros para o Plan de dinamización da lingua galega na xuventude. Tamén se investirán 50.000 nun plan piloto de socialización en galego durante 21 xornadas, destinado a nenos e nenas non galegofalantes.

Política cultural de proximidade

Pola súa banda, a Dirección xeral de Políticas Culturais experimentará un notable crecemento do 3,4%, sobrepasando así os 33 millóns. Neste eido aumentará o importe do programa de accións de promoción cultural en preto dun 20%, así como o orzamento de actividades do CGAC. Así mesmo, e co fin de artellar unha política cultural de proximidade e que fomente a participación, tamén se incrementará o programa de colaboración cos concellos en materia de equipamento e de actividades culturais, con 3 millóns de euros.

No que respecta ao ámbito das bibliotecas, arquivos, museos e equipamentos culturais, cómpre destacar o aumento dun 125% da área de proxectos en materia de arquivos; ou o crecemento da subvención para a adquisición de fondos bibliotecarios (500.000 euros, un 16,5% máis). Tamén se desenvolverá unha nova iniciativa para bibliotecas itinerantes en concellos que carecen de servizo bibliotecario, cun investimento de 160.000 euros.

Salvagarda e protección do patrimonio cultural

No caso da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, o gasto total ascende a 19 millóns, un 5,7% máis con respecto ao 2018. Ademais de acometer a rehabilitación dos BICs dos Camiños, este orzamento permitirá redactar os decretos de declaración dos BICs xa incoados, como é o caso de Cova Eirós ou da Carpintería de Ribeira; e continuar cos traballos das tres candidaturas galegas a Patrimonio Mundial: Ribeira Sacra, Cíes-Illas Atlánticas e Ferrol da Ilustración. “Unhas candidaturas reais, colectivas e serias”, manifestou o conselleiro.

Axencia Galega de Turismo

A Axencia Galega de Turismo contará cun orzamento de 64 millóns de euros para 2019, un 10,4% máis con respecto ao exercicio anterior. Ademais da partida de 7,4 millóns para lanzar as primeiras accións do Xacobeo -a convocatoria aberta de proxectos O teu xacobeo, a convocatoria de axudas para a conservación e restauración do patrimonio etnolóxico, ou a continuidade do festival O Son do Camiño-, a Axencia contará con 12 millóns para diferentes actividades relacionadas co Xacobeo e os Camiños.

Estas accións inclúen a conservación e mantemento da Ruta Xacobea, as transferencias á SA de Xestión do Plan Xacobeo, a mellora e sinalización dos Camiños (o 2019 estará dedicado á Vía da Prata), e o mantemento da Rede de Albergues, así como a construción dun novo en Vigo que mobilizará un investimento de 1 millón de euros.

Remate construtivo da Cidade da Cultura

As transferencias para a Fundación Cidade da Cultura ascenderán a 9 millóns de euros e permitirán seguir realizando actividades culturais de primeira orde e reforzar o maior Centro de Emprendemento de Galicia. Ademais, os 3,6 millóns de transferencias de capital destinaranse, principalmente, á Fase II da urbanización do Gaiás e ao edificio Fontán, que suporá o remate construtivo da Cidade da Cultura, “un final acorde ás circunstancias, pensado desde o aforro e o aproveitamento da estrutura preexistente”, sinalou o titular de Cultura.

Apoio ás industrias culturais

Por último, a Axencia Galega de Industrias Culturais disporá de 11,5 millóns de euros, que permitirán apoiar as redes galegas de Teatros e Auditorios e de Músicas ao Vivo. Tamén se manteñen as axudas ao desenvolvemento e á produción do sector audiovisual, ao mesmo tempo que se co-financiará unha produción audiovisual sobre o Camiño coa vista posta no Xacobeo 21. A maiores, continuarase promocionando a música e a cultura galegas no exterior (en febreiro no Celtic Connections e en agosto no Festival Intercéltico de Lorient) e os festivais de música na comunidade a través das axudas en concorrencia competitiva e da plataforma Fest Galicia.

Comparte