Nova: Galicia conta coa primeira lei específica de arquivos
07/10/2014
Galicia conta coa primeira lei específica de arquivos
Ten como obxectivos impulsar o sistema arquivístico galego e responde ás novas necesidades
A norma regula por primeira vez o papel dos arquivos no medio electrónico e propón a creación de órganos colexiados asesores: o Consello de Arquivos de Galicia e o Consello de Avaliación Documental de Galicia
Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2014.- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a Lei 7/2014, do 26 de setembro, de arquivos e documentos de Galicia, a primeira norma específica que dota a Comunidade Autónoma dun marco lexislativo propio para desenvolver as súas competencias nesta materia.
Organizar e impulsar o sistema arquivístico galego, adaptándoo á nova rea¬lidade e aos cambios que se están a producir no ámbito dos documentos e arquivos públicos, e garantindo o acceso, a conservación e a difusión do patrimonio galego, é o obxectivo principal desta nova lei, que lle outorga a Galicia o seu primeiro marco normativo específico nesta materia.
Respostas aos novos retos
A nova norma lexisla por vez primeira o papel dos arquivos no medio electrónico, para o que aborda os novos retos derivados do desenvolve¬mento da administración electrónica e da dixitalización de documentos, actualizando as normas nesta materia incluídas na Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, que foi a primeira norma ga¬lega que lle dedicou unha atención singular aos arquivos e ao patrimonio documental.
Deste xeito, a nova lei baséase nun enfoque actual e modernizador e articula unha xestión documental eficaz e eficiente, baseada na coordinación entre todos os arquivos que formen parte da rede de arquivos de Galicia, tendo como centro cabeceira desa rede o Arquivo de Galicia.
O marco normativo, que responde á nova realidade e ás necesidades dos arquivos e dos seus profesionais, tamén delimita o que se considera documento público en Galicia e regula a organización, funcionamento e finalidade dos arquivos. Así mesmo, define os dereitos e obrigas relativos aos arquivos públicos que deben contar con persoal e os recursos materiais necesarios para garantir o servizo aos usuarios.
Creación de órganos colexiados asesores
No que respecta á xestión documental, destaca a creación do Consello de Avaliación Documental de Galicia, un órgano colexiado que ditaminará sobre a obriga de conservar os documentos que teñan valor histórico ou informativo e sobre a eliminación daqueles documentos que, cumprida a súa finalidade, poidan ser destruídos. Tamén se crea o Consello de Arquivos de Galicia como órgano colexiado consultivo de ase¬soramento, cooperación e participación en materia de arquivos no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, adscrito á consellaría con competencias en materia de cultura.
Acceso público á documentación
En canto as aspectos concretos derivados da xestión dos documentos e do patrimonio documental de Galicia, a lei establece os principios que deben rexer no dereito de acceso público para lles facilitar ás institucións e ás persoas cantos datos necesiten e o acceso ao seu soporte documental. Como novidade, proponse que os límites e exclusións de acceso aos documentos desaparezan transcorridos 30 anos desde a súa data de produción. En calquera caso, salvagárdanse os datos persoais e outros dereitos como a seguridade, a honra, a saúde, a intimidade ou imaxe das persoas.
A nova lei inclúe un título preliminar, onde se fixa o obxecto e o ámbito de aplicación, e catro títulos: os títulos I, II e III conforman o núcleo regulador fundamental deste texto, e o título IV refírese ao réxime sancionador. A norma complétase con seis disposicións adicionais, tres disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria e tres disposicións derradeiras.