Nova: O escritor rianxeiro Gonzalo Hermo recibe o Premio de Poesía Afundación por A vida salvaxe
22/11/2018
O escritor rianxeiro Gonzalo Hermo recibe o Premio de Poesía Afundación por A vida salvaxe
Román Rodríguez destaca a excelencia e capacidade de estímulo á creación en galego do galardón
O conselleiro de Cultura e Turismo participou na entrega da décimo sexta edición do premio
Afundación, a Xunta e o Centro PEN Galicia promoven este certame para alentar a creación poética e enriquecer a produción literaria en galego
Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2018.- O escritor Gonzalo Hermo recibiu esta tarde o XVI Premio de Poesía Afundación, promovido por Afundación, a Xunta de Galicia e o Centro PEN Galicia. Durante o acto de entrega, que tivo lugar na sede da rúa do Vilar de Afundación, o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez destacou o alto nivel literario deste certame que “coida todos os detalles e serve de acicate para os creadores”. Así mesmo, salientou a obra premiada, A vida salvaxe, de Gonzalo Hermo, que cualificou como “un gran libro” que educa “a nosa percepción, a nosa sensibilidade e mesmo os nosos sentidos”.
Nesta entrega, que se completou cun recital poético no que Hermo recitou unha escolma de poemas acompañado dunha videocreación de Xes Chapela, participaron tamén Miguel Ángel Escotet, presidente de Afundación, e o presidente e o director do Centro PEN Galicia, Luís González Tosar e Xabier Castro, respectivamente.
Elenco de galardoados
O galardón comezou o seu percorrido no ano 2002 a instancias do Centro PEN Galicia e de Afundación. No seu elenco de gañadores figuran poetas galegos como Xavier Seoane, María do Cebreiro, Román Raña, Arcadio López Casanova, Marilar Aleixandre, Carlos Penelas, Luís Valle, Emma Pedreira, Xavier Rodríguez Baixeras, X. Daniel Costas, Yolanda Castaño, Elías Portela, Miguel Anxo Fernán Vello, Olalla Cociña ou Estíbaliz Espinosa, gañadora da anterior convocatoria.
Román Rodríguez felicitou ao premiado, ao que cualificou como “unha das voces novas máis interesantes, consolidadas e recoñecidas da poesía actual no eido ibérico”, por sumarse a esta prestixiosa lista de escritores e desexoulle “que lle cheguen máis éxitos no futuro, porque isto sempre será unha boa nova para a literatura e a cultura galegas”.
Promover a creación literaria en galego
O certame conta co apoio e a participación da Consellería de Cultura e Turismo que vén colaborando desde hai anos con esta cita de referencia na axenda cultural galega, á vez que estimula a creación literaria. Con este obxectivo, a Xunta de Galicia contribúe coa realización de diversos premios e certames literarios, como o Premio de Relato Breve Nélida Piñón, ou o Premio de Poesía Concello de Carral, entre outros.