Nova: Teatro infantil e fados en galegos, as propostas de FalaRedes para esta semana
09/10/2014
Teatro infantil e fados en galegos, as propostas de FalaRedes para esta semana
Toques acolle hoxe a última función da exitosa peza infantil 'As fabas máxicas', de Caramuxo Teatro
O concerto de fados 'Os sons do vento que pasa' fará parada durante a fin de semana en Noia e Lousame
Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2014.- Tres concellos da provincia da Coruña adscritos á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia recibirán esta semana a visita de dúas propostas de lecer en galego do FalaRedes 2014. O programa promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística segue fomentando a nosa lingua da man da obra de teatro infantil ‘As fabas máxicas’ e do concerto de fados ‘Os sons do vento que pasa.’
Precisamente a peza de Caramuxo Teatro pechará hoxe a súa exitosa xira no concello de Toques, ás 13:00 h no Albergue do Concello (antiga escola). Será esta a última función dunha actividade que, da man do FalaRedes, visitou desde o pasado mes de abril 28 concellos da RDL, os seis últimos grazas á colaboración da Deputación da Coruña, en virtude da súa participación na Rede.
Pola súa banda, a veciñanza de Noia poderá gozar o sábado do innovador espectáculo musical da compañía Elefante Elegante, ás 20:00 h na Igrexa de Santa María a Nova, que o domingo chegará a Lousame, ás 19:00 h na Casa da Cultura.
Tanto coas Fabas máxicas, destinada aos nenos e nenas e ás súas familias, coma cos Sons do vento que pasa, dirixido a todas as idades, FalaRedes persegue achegarlle o galego ao público dun xeito lúdico e divertido durante o seu tempo de lecer.
FalaRedes 2014
Ata finais de ano, FalaRedes chegará durante as fins de semana e os festivos á totalidade de concellos da RDL a través de cinco actividades con 150 sesións gratuítas, xa que a entrada sempre é de balde ata completar a capacidade das salas.
Completan a programación desta terceira edición do programa o concerto Toc Toc, a xincana Augalingua e o concurso Os Bolechas e o Sabichón, que xa concluíron con grande éxito as súas respectivas xiras.
Máis información sobre FalaRedes 2014 no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.xunta.es/linguagalega/falaredes_2014 e nas redes sociais.