Nova: A UNESCO incorpora a pedra seca galega á lista do patrimonio inmaterial da humanidade
28/11/2018
A UNESCO incorpora a pedra seca galega á lista do patrimonio inmaterial da humanidade
A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, promoveu a participación da comunidade autónoma na candidatura conxunta da pedra seca, liderada por Chipre e Grecia e que inclúe tradicións construtivas doutros seis países europeos
Trátase dunha técnica de construción tradicional que prescinde de calquera argamasa ou morteiro como alvarizas, curros, pendellos etc.
Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2018.- A pedra seca galega vén de ser incluída na lista representativa do patrimonio inmaterial da UNESCO como parte dunha candidatura conxunta de oito países europeos liderada por Grecia e Chipre e na que participa, entre outros, o Estado español. Así o decidiron hoxe os representantes deste organismo no marco da décimo terceira reunión anual do Comité intergobernamental de salvagarda do patrimonio cultural inmaterial celebrada en Port-Louis (República de Mauricio), na que por parte da Xunta de Galicia participou a directora xeral do Patrimonio Cultural, Mª Carmen Martínez Ínsua.
A Xunta impulsou a participación galega na candidatura internacional da pedra seca (ou pedra en seco), na que tamén están presentes outras sete comunidades autónomas baixo a coordinación do Ministerio de Cultura y Deporte. Galicia, Andalucía, Aragón, Asturias, Baleares, Estremadura, Cataluña e Valencia forman parte desta postulación conxunta que integra tradicións construtivas de Grecia, Chipre, Suíza, Croacia, Eslovenia, Francia, Italia e España. O recoñecemento da inclusión na lista representa o compromiso dos países na execución de medidas de salvagarda específica para que as comunidades locais, que son as súas portadoras, poidan ter as condicións para o seu mantemento e difusión.
Participación activa da Xunta
Galicia participou intensamente no desenvolvemento da candidatura. Neste sentido, aos efectos de promover o estudo e a documentación da técnica da pedra seca e dos seus procesos, así como para colaborar na súa difusión pública e respecto polo traballo dos canteiros tradicionais e dos numerosos exemplos que se conservan, decidiuse incorporala, como paso previo a esta inscrición na lista da UNESCO, ao Censo do Patrimonio Cultural de Galicia como manifestación do patrimonio cultural inmaterial.
Cómpre lembrar que para os propietarios de bens construídos con esta técnica a inclusión na lista non suporá requisitos adicionais á hora do seu mantemento e conservación máis aló dos existentes na lexislación vixente. En todo caso, a Xunta poderá ditar instrucións, recomendacións e suxestións para os interesados no seu uso e conservación; así como fomentar a pedra seca a través de programas e proxectos específicos.
Construíndo a paisaxe galega
A pedra seca é unha técnica de construción tradicional na nosa terra que prescinde de calquera argamasa ou morteiro. Conforma un dos exemplos de coñecementos e usos máis relevantes das formas de vida tradicional que axuda a construír a paisaxe antrópica do país. Esta técnica fíxase e transmítese a través do milenario oficio dos canteiros e afecta á relación das comunidades co medio, creando e definindo o noso entorno.
Muros, peches e construcións adxectivas para diferentes usos agrarios e gandeiros como alvarizas, neveiras, pombais, hórreos, pendellos, foxos do lobo ou muíños contribúen a definir e representar a estrutura da propiedade ou explotación do territorio.
Se ben son abondosos e significativos os exemplos da pedra seca en todo o territorio galego, esta técnica resulta especialmente relevante nas comarcas de Pontevedra, Terra de Montes, Deza, Bergantiños, Terra de Soneira, Xallas, Fisterra, a Terra Chá e a Ribeira Sacra.
Galicia, pioneira na regulación do Patrimonio Inmaterial
A lista representativa do Patrimonio Cultural Inmaterial é a principal medida de salvagarda creada coa Convención do Patrimonio Cultural Inmaterial da UNESCO. Foi asinada en 2003 e ratificada por España no 2006. Cómpre subliñar que a primeira incorporación práctica do establecido na Convención ao réxime legal estatal fíxase precisamente na nova Lei do Patrimonio Cultural de Galicia do 2016, que adaptou o título correspondente aos seus principios.
Consecuentemente, pode dicirse que Galicia integra plenamente no eido lexislativo o seu Patrimonio Cultural Inmaterial, constituído polo conxunto dos usos, representacións, expresións, coñecementos e técnicas, xunto cos instrumentos, obxectos, artefactos e espazos culturais que lles son inherentes, que as comunidades ou mesmo os individuos recoñezan como parte integrante do seu patrimonio cultural.