Nova: Do Audible regresa con novos concertos e charlas divulgativas
09/10/2014
Do Audible regresa con novos concertos e charlas divulgativas
Propiciar puntos de encontro entre a música, a ciencia, a arte e o pensamento contemporáneos é o obxectivo deste ciclo promovido pola Secretaría Xeral de Cultura en colaboración con Vertixe Sonora Ensemble
Santiago, 9 de outubro de 2014.- Logo das primeiras sesións o pasado mes de xuño, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria retoma o ciclo Do Audible 2014 con dúas propostas singulares. A música das esferas celestes e a presenza do demo na música serán as temáticas protagonistas dos concertos e das charlas de divulgación que ofrece o ciclo durante os meses de outubro e de novembro e nos que se porá en relación as diferentes artes e disciplinas do coñecemento.
Desde Pitágoras e Platón ata os sistemas de medición da NASA, todos parecen corroborar que os corpos celestes emiten sons harmónicos. Sobre a música das esferas celestes xira a proposta do grupo Vertixe Sonora Ensemble para o concerto do 11 de outubro, ás 20 horas, na Casa das Ciencias da Coruña. O escenario do concerto será o Planetario, ao que o público poderá acceder a partir das 19:30 horas. A entrada é de balde ata completar o aforo, de 79 localidades.
Descubrindo galaxias sonoras
A partir da visión do compositor Ángel Faraldo, Vertixe Sonora reinterpretará neste concerto ‘Tierkreis’, unha das obras máis coñecidas do compositor alemán Karlheinz Stockhausen, que consta de 12 melodías asignadas cada unha a un signo zodiacal.
O público escoitará ‘Tierkreis revisitado’ mentres observa as constelacións no espazo, nunha proposta multisensorial acompasada polo verbo do profesor, ensaísta e comisario Lluís Nacenta, experto coñecedor das músicas actuais, que percorrerá cos asistentes afastadas galaxias sonoras para dar a coñecer algunhas das máis importantes achegas que apareceron desta relación nos últimos anos.
Nesta homenaxe a un dos compositores máis carismáticos do século XX nun marco singular como o que ofrece o Planetario da Coruña, Vertixe Sonora explora as múltiples posibilidades expresivas que ofrece cada unha das melodías de Stockhausen a través dunha elaborada imaxinación sonora: dous instrumentos de naturezas acústicas diferentes, saxofóns e contrabaixo, ofrecen un amplo abano de posibilidades técnicas e son transformados, alterados ou sinxelamente dialogan co universo sonoro que ofrece a electrónica musical.
A música e o diabólico
O ciclo Do Audible 2014 despedirase o 14 de novembro no Museo de Pontevedra, ás 20 horas, co concerto ‘A música e o diabólico’, que contará coa participación do Distracfold Ensemble, de Manchester, como agrupación convidada.
Ao longo dos tempos, moitas culturas recoñeceron na música un poder excepcional, á vez temible e admirable. Nuns casos, as relixións trataron de aproveitar o seu poder; noutros, recoñecérona como unha competidora, o que levou a percibir nela a pegada diabólica. Esta manifestaríase na súa beleza demoníaca, na súa capacidade para o engado e a posesión, na súa ambigüidade insoluble, e a súa manifestación máis sinalada sería o intervalo de cuarta aumentada, o “diabolus in musica”.
Para afondar nesta relación da música e o diabólico o programa do concerto incluirá pezas de Salvatore Sciarrino, Mauricio Pauly e Pierluigi Billone e contará coa participación do profesor e ensaísta especialista en Wagner Enrique Gavilán, autor do libro ‘Otra historia del tiempo’.
Puntos de encontro entre as artes
Do Audible é un ciclo promovido pola Secretaría Xeral de Cultura coa colaboración de Vertixe Sonora, que procura puntos de encontro entre a música, a ciencia, a arte e o pensamento, e que quere contribuír a normalizar a escoita de música contemporánea en Galicia. A edición de 2014 confórmana catro sesións, que comezaron o pasado mes de xuño cun concerto en Ourense centrado na música, na danza e na poesía, á que seguiu unha proposta no Museo do Mar de Galicia, en Vigo, arredor de obras mestras do século XX inspiradas no mar.
Cada concerto organízase arredor dun foco temático e interactúa coa palabra cómplice de relevantes personalidades do mundo da cultura, que achegan informacións e perspectivas de interpretación do feito musical que resulten enriquecedoras para os ouvintes.