Nova: Focus Galicia achegaralles a riqueza musical e cultural galegas a programadores internacionais

13/10/2014

Focus Galicia achegaralles a riqueza musical e cultural galegas a programadores internacionais

Un total de 27 dos máis relevantes xestores musicais acreditados na feira Womex viaxarán uns días antes a Galicia para asistir aos 'showcases', reunións de traballo e visitas culturais

Abe Rábade, Banda Crebinsky, Som do Galpom, Cuarteto Caramuxo, Sés, Sumrrá, Najla Shami, Rosa Cedrón, Caxade, Radio Cos, Daniel Minimalia e Luar na Lubre protagonizarán as actuacións inseridas neste intenso calendario de actividades, que se desenvolverá do 19 ao 22 de outubro na Coruña, Ourense e Santiago

Os convidados –representantes de destacados festivais, circuítos e espazos culturais– coñecerán de primeira man a nosa actualidade musical, ao tempo que establecerán contactos directos con institucións e profesionais galegos do sector
 

  • Womex Womex
  • Focus Galicia Focus Galicia
  • Focus Galicia Focus Galicia
  • Focus Galicia Focus Galicia

Santiago, 13 de outubro de 2014.- Focus Galicia presentouse este mediodía. Trátase dun programa especial que se desenvolverá do 19 ao 22 de outubro na Coruña, Ourense e Santiago como espazo para a proxección internacional da nosa música mediante o encontro entre artistas galegos e programadores chegados de 16 países de catro continentes.

Como adiantou o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, un total de 27 xestores musicais foron seleccionados para participar nesta iniciativa entre os principais delegados acreditados este ano en Womex, o meirande mercado internacional de 'world music', que se celebrará en Santiago do 22 ao 26 de outubro. Así, nas xornadas previas a esta feira, terán a oportunidade de entrar en contacto directo coa riqueza musical e cultural de Galicia a través dun intenso calendario de actividades que inclúe encontros profesionais, visitas a espazos culturais e 12 concertos de artistas galegos en formato 'showcase'.

Cultura e Educación organiza este programa, a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) e en colaboración con diferentes entidades públicas e privadas, co obxectivo de aproveitar a viaxe destes profesionais para impulsar a posta en valor, a difusión e a proxección exterior da música feita en Galicia, ao tempo que se promociona a nosa cultura patrimonial e mesmo paixasística. Esta delegación internacional estará integrada por representantes de destacados festivais, circuítos e espazos culturais procedentes de países tan diversos como Alemaña, Austria, Brasil, Canadá, Colombia, Francia, Holanda, India, Irlanda, Marrocos, Polonia, Portugal, Noruega, Reino Unido e Xapón, así como do resto de España.

Selección de 12 artistas e grupos
O conselleiro explicou que a carteleira de concertos de Focus Galicia, que se abrirán tamén ao público de xeito gratuíto e previa recollida de convites nas billeteiras dos espazos, está configurada por unha selección de 12 formacións escollidas por unha comisión independente entre os grupos e artistas galegos presentados inicialmente á convocatoria realizada pola organización de Womex: Abe Rábade, Banda Crebinsky, Som do Galpom, Cuarteto Caramuxo, Sés, Sumrrá, Najla Shami, Rosa Cedrón, Caxade, Radio Cos, Daniel Minimalia e Luar na Lubre.

A calidade, a variedade de estilos e o potencial de proxección internacional foron os criterios tidos en conta á hora de compoñer esta programación musical, que servirá de complemento e reforzo á oferta galega que se presentará en Womex nos días seguintes, coas actuacións de Davide Salvado na selección oficial da feira, Germán Díaz e Uxía no escenario Atlantic Connections, e Budiño, Mercedes Peón e Xabier Díaz no concerto de apertura.

“Toda a carteleira, nunha visión de conxunto, compón unha magnífica mostra da variedade e calidade da música galega actual e da mestría dos compositores e intérpretes galegos á hora de diversificar, recrear e mesmo reinventar a música galega no século XXI, sen renunciar á nosa rica e profunda tradición neste ámbito”, afirmou o titular de Cultura e Educación nesta presentación aos medios, na que estivo acompañado polo director da Agadic, Jabobo Sutil, e pola mánager musical Patricia Hermida.

Catro xornadas de actividade
Focus Galicia arrancará este domingo día 19 en Compostela coa recepción á delegación por parte das autoridades e o primeiro dos concertos do programa, que terá lugar ás 21.00 horas na Sala Capitol da man de Radio Cos, Banda Crebisnky e Som do Galpom.

O luns día 20 a delegación porá rumbo cara á Coruña, cunha primeira parada no Obradoiro de Gaitas Seivane, en Cambre. Xa pola tarde e tras unha visita guiada pola cidade herculina, os participantes gozarán das actuacións de Najla Shami e Luar na Lubre ás 19.00 horas no Teatro Rosalía Castro. Esta segunda xornada finalizará de volta en Santiago cos ‘showcases’ de Sumrrá e Rosá Cedrón na Casa das Crechas a partir das 22.00 horas.

No terceiro día de actividade, o martes 21, os programadores viaxarán á terra do Ribeiro para coñecer os vínculos entre o patrimonio cultural de Galicia, a práctica ancestral do cultivo da vide e a inserción do sector vitivinícola no tecido industrial. No seu percorrido, achegaranse ás Adegas Viña Mein e Ramón do Casar, onde actuarán Abe Rábade e Daniel Minimalia. Pola tarde, terá lugar unha visita guiada á cidade de Ourense, así como as actuacións de Caxade e Cuarteto Caramuxo no Teatro Principal (19.00 horas). De novo, a xornada rematará na Casa das Crechas, neste caso cun ‘showcase’ de Sés ás 22.00 horas.

Focus Galicia rematará o mércores 22, coincidindo co inicio de Womex, cun encontro profesional entre os programadores convidados e os representantes de diferentes empresas musicais que terá lugar ás 11.00 horas na Cidade da Cultura de Galicia.

Durante esta última acción do programa, deseñada a modo de ‘speed meeting’, terase unha nova oportunidade de incidir nas prioridades desta iniciativa a través da que, como sinalou Vázquez Abad, se busca “mellorar o coñecemento da música de Galicia a nivel internacional, facilitar a contratación de artistas atraendo a demanda internacional, contribuír a fidelizar relacións e contactos profesionais, así como deseñar e desenvolver programas e accións conxuntas para o futuro inmediato”.
 

Comparte