Nova: ‘As laranxas máis laranxas de todas as laranxas’ chega a Narón

10/10/2014

‘As laranxas máis laranxas de todas as laranxas’ chega a Narón

O Pazo da Cultura acollerá ás 19.00 horas esta produción de teatro e música para toda a familia, dirixida por José Caldas a partir da obra de Carlos Casares

Unha nova xeración de intérpretes galegos –Alba Taín, Alberte Cabarcos, Davide González, Ailén Kendelman, Fran Lareu e Laura Villaverde– dá vida aos personaxes disparatados desta historia chea de colorido e fantasía

  • As laranxas máis laranxas de todas as laranxas As laranxas máis laranxas de todas as laranxas

Narón, 10 de outubro de 2014.- O espectáculo 'As laranxas máis laranxas de todas as laranxas', producido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través do Centro Dramático Galego (CDG), chega esta fin de semana a Narón dentro da xira durante a que se presentará nun total de once escenarios de toda Galicia. No caso do Pazo da Cultura naronés, a función terá lugar este domingo día 12, ás 19.00 horas.

Realizada a partir da obra de Carlos Casares, esta montaxe de teatro e música para toda a familia ofrécelles aos espectadores unha nova ollada sobre a obra e o espectáculo que a compañía pública galega xa levara a escena hai 10 anos. Agora, o CDG volve homenaxear o autor ourensán con esta revisión do seu texto, para a que conta de novo co luso-brasileiro José Caldas na dirección escénica e con Bernardo Martínez na musical e na composición.

Novo elenco
A produción de 2014 está interpretada por un novo elenco de seis actores e actrices (Alba Blanco Taín, Alberte Cabarcos, Davide González Lorenzo, Ailén Kendelman, Fran Lareu e Laura Villaverde), que forman parte dunha nova xeración de intérpretes multifacéticos que se está a formar e a abrir paso en Galicia. Todos eles foron seleccionados entre os máis de 80 aspirantes que participaron nun proceso de audicións públicas, durante o que tiñan que demostrar as súas calidades como actores, cantantes e músicos.

Esta recreación, para a que se recupera a escenografía e o vestiario deseñados no seu día pola portuguesa Marta Silva, constrúese a partir de novas achegas musicais e interpretativas que buscan descubrir máis matices e dotar dunha maior profundidade aos personaxes creados por Carlos Casares. O espectáculo ideado por Caldas –quen conta con máis de 45 anos de traxectoria vinculada á escena brasileira e, fundamentalmente, á portuguesa– reúne nun só acto todas as expresións artísticas, con elementos que van dende a traxedia grega ao teatro popular de rúa de Brasil e Portugal, pasando pola Comedia da Arte e ofrecendo tamén unha homenaxe ao mundo do circo.

Ao tempo, mantense fiel a toda a obra infantil de Casares, de xeito que esta versión teatral de ‘As laranxas máis laranxas de todas as laranxas’ integra harmoniosamente o conto ‘A galiña azul’, así como outros textos do escritor ourensán que se empregan nas letras das cancións compostas por Bernardo Martínez. Todos estes elementos contribúen a crear o mundo máxico e colorista que habitan Anxa e Elías, xunto á Veciña Sabida, a Veciña Desdentada, o Veciño Gordo e o Veciño da Escopeta, e no que teñen lugar unha serie de disparatados acontecementos que dan comezo cando do limoeiro da horta dos protagonistas abrollan unhas enormes laranxas.

As laranxas máis laranxas de todas as laranxas está considerada como unha das principais contribucións de Carlos Casares ao ámbito da literatura infantil e xuvenil, galardoada en 1973 co I Premio de Literatura Dramática para a Infancia e a Mocidade da Asociación Cultural ‘O Facho’. Trátase dunha historia fantástica, que inaugura o teatro destas características na literatura infantil galega. Non en van, o seu autor afirmaba que a peza era “un disparate continuo de movemento e fantasía”.

Tres meses de xira
'As laranxas máis laranxas', que se estreou a semana pasada en Ourense e foi representada tamén en Vilagarcía, chega a Narón como parte da xira que o Centro Dramático Galego desenvolverá ata decembro. Así, poderá verse proximamente en Pontevedra (Auditorio do Centro Social Afundación, 17 e 18 de outubro), Vigo (Teatro do Centro Cultural Afundación, 2 e 3 de novembro), Viveiro (Teatro Pastor Díaz, 12 e 13 de novembro), Tui (Teatro Municipal, 18 e 19 de novembro), O Barco de Valdeorras (Teatro Municipal Lauro Olmo, 21 de novembro), Rianxo (Auditorio Municipal, 3 de decembro), A Estrada (Teatro Principal, 5 de decembro) e Santiago de Compostela (Salón Teatro, do 9 ao 30 de decembro).

Esta xira integra unha intensa campaña escolar que, de xeito paralelo ás funcións concertadas con centros educativos de toda Galicia, pon a disposición dos mestres e os seus alumnos un completo material didáctico e lúdico arredor do espectáculo do CDG e da obra de Casares. O obxectivo é que os espectadores máis novos aprendan a gozar da experiencia de asistir ao teatro e descubran, ao tempo, unha gran figura da nosa literatura.
 

Comparte