Nova: Neira Vilas presenta os seus poemas musicados ‘Cantos de sol a sol’

14/10/2014

Neira Vilas presenta os seus poemas musicados ‘Cantos de sol a sol’

Están interpretados por Xabier Díaz, Carmen Rey, María do Ceo, Felisa Segade, Manoele de Felisa e Lucía Azurmendi e musicados por Xosé Lueiro

  • Cantos de sol a sol Cantos de sol a sol

Santiago, 14 de outubro de 2014.- Este serán presentouse o libro-disco “Cantos de sol a sol”, editado por Galinova en colaboración coa Fundación Xosé Neira Vilas. No concerto de presentación, que tivo lugar no Salón Teatro, acompañaron o escritor e académico da lingua galega -ademais do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez,-María do Ceo, Manoele de Felisa e Lucía Azurmendi, artistas participantes no proxecto. Tamén o fixeron Xosé Vizoso, ilustrador do libro-disco; Telmo Eiriz, xerente da Editorial Galinova; Xosé Lueiro, coordinador do traballo; e o pianista Héctor Martínez. O acto contou tamén coa participación de seis nenos encargados do recitado dos poemas.

'Cantos de sol a sol'
“Cantos de sol a sol” constitúe unha nova aportación da obra neiraviliana á literatura infantil galega, no ronsel que o escritor e mais Anisia Miranda, a súa compañeira, iniciaron coa publicación das coñecidas “Cantarolas”.

O poemario musicado afonda as súas raíces nas estruturas e ritmos da literatura popular e, na liña do haiku xaponés capta á perfección a cadencia estacional e a esencia da natureza convertendo en personaxes con identidade propia a xoaniña emigrante, as folerpiñas de neve, os grilos cantadores ou a folliña dun salgueiro. Todos eles, canda aos propios nenos protagonistas que, como afirma Fina Casalderrey no limiar do libro, representan co seu canto a voz do pobo.

Complementan os poemas de Neiras Vilas o talentoso trazo de Xosé Vizoso, artista plástico deseñador da mítica Galería Sargadelos, que ilustra cadanseu poema co seu característico estilo, e tamén as pezas musicais do compositor estradense Xosé Lueiro, que musica trece dos poemas nun disco interpretado por Xabier Díaz, Carmen Rey, María do Ceo, Felisa Segade (Leilía), Manoele de Felisa ou Lucía Azurmendi, entre outros.

Xosé Neira Vilas
Xosé Neira Vilas (Gres-Vila de Cruces, 1928) é membro numerario da Real Academia Galega, Doutor Honoris Causa polas universidades da Coruña e da Habana e Fillo predilecto do Concello de Vila de Cruces. Entre outros galardóns recibiu a Medalla Castelao, o Premio Laxeiro, o Pedrón de Honra, o Premio Trasalba, o Premio da Crítica Española (novela en galego) e da Crítica Galega (ensaio). É, sen dúbida, un dos escritores clásicos da literatura galega na que destaca como autor inaugural da nosa literatura infantil e xuvenil coa obra “Memorias dun neno labrego” (a máis vendida e traducida do sistema literario galego).

Residiu 43 anos en América, primeiro en Bos Aires (de 1949 a 1961), onde estudou xornalismo e creou coa súa esposa, Anisia Miranda, a editorial e distribuidora continental do libro galego Follas Novas; e despois na Habana (de 1961 a 1992), onde fundou e dirixiu durante 22 anos a Sección Galega do Instituto de Literatura e Lingüística, se especializou en xornalismo literario e exerceu de redactor xefe da revista infantil “Zunzún”. Regresou a Galicia no ano 1992 para vivir na súa casa natal de Gres, onde se localiza a Fundación que leva o seu nome e desde a que desenvolve aínda na actualidade un importante labor de dinamización cultural e lingüística.

É autor de preto de 60 obras, colaborador de prensa, impulsor de múltiples actividades culturais e escritor activo que segue a ter Galicia e a súa lingua e cultura propias como eixe motivador de todo o seu quefacer literario.

O pasado 9 de outubro recibiu en Pontevedra o Premio Otero Pedrayo 2013, en recoñecemento unánime do xurado á súa contribución á cultura galega, por ser “unha das figuras máis importantes das letras galegas actuais e por todo o traballo feito a prol da nosa cultura, por conseguir durante toda a súa vida levar a nosa cultura e tradición por todo o mundo e por unir xeracións durante anos arredor da nosa historia, lingua e características propias”.

Tamén foi galardoado recentemente co Premio da Cultura Galega das Letras da Xunta de Galicia.

Comparte