Nova: A mostra Nimbos de luz chega a Ourense
14/10/2014
A mostra Nimbos de luz chega a Ourense
No marco da itinerancia que a Consellería de Cultura e Educación programou en 15 concellos de Galicia durante este ano, a exposición pódese visitar ata o día 16 na Casa da Xuventude ourensá
Ourense, 14 de outubro de 2014.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, Xesús Vázquez Abad, visitou esta tarde na Casa da Xuventude de Ourense, a mostra “Nimbos de luz”, promovida pola Xunta de Galicia en colaboración coa Editorial Galaxia co gallo das Letras Galegas 2014, dedicadas a Xosé María Díaz Castro. A iniciativa enmárcase nas accións conmemorativas postas en marcha pola Consellería de Cultura e Educación durante este ano e pódese visitar na Cidade das Burgas ata o vindeiro 16 de outubro.
Durante a visita o conselleiro estivo acompañado polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García e polo delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Rogelio Martínez, entre outros.
‘Nimbos de luz. Xosé María Díaz Castro’
“Nimbos de luz. Xosé María Díaz Castro” é a mostra coa que a Xunta de Galicia, por medio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, lle rende tributo ao autor guitiricense ao que a Real Academia Galega lle dedicou as Letras Galegas este ano. Comisariada por Alfonso Blanco Torrado, por Luís González Tosar e por Armando Requeixo, permite unha importante aproximación á obra do poeta, tradutor e intelectual Díaz Castro, por medio de 14 paneis temáticos, diversos materiais multimedia e outros soportes expositivos. Como complemento ofrece, de xeito gratuíto, folletos ilustrativos dos paneis e a proxección do documental “O instante eterno”, de Xosé Antón Cascudo.
Itinerancia en 15 puntos da xeografía galega
A mostra “Nimbos de luz” encetou o seu periplo por 15 puntos de Galicia o pasado 19 de febreiro na vila natal de Díaz Castro, coincidindo cos actos conmemorativos do centenario do nacemento do autor, e púidose visitar na Casa Habanera ata o 8 de marzo. Tras o seu paso pola sede da delegación territorial da Xunta de Galicia en Vigo no mes de marzo, a mostra chegou en abril a Pontevedra e a Cerceda. Nesta última localidade, na que abriu a itinerancia por concellos da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia, acompañouse da xincana lingüística escolar “Xosé María Díaz Castro na voz da xente”, destinada, en colaboración cos concellos, a alumnado de último ciclo de primaria e primeiro de secundaria.
As seguintes paradas foron, en maio, Santiago de Compostela e A Estrada; en xuño, Redondela; en xullo, Mondoñedo, onde a acolleu o Real Seminario de Santa Catalina; e en setembro, A Coruña e Lugo. Tras o seu paso pola Casa da Xuventude de Ourense a mostra viaxará ata A Rúa, onde se poderá visitar na Casa da Cultura do 18 de outubro ao 3 de novembro. A mostra rematará a súa itinerancia no derradeiro mes do ano no concello ourensán de Celanova (do 16 ao 30 de decembro), logo de facer parada no concello coruñés de Cee (do 1 ao 14 de decembro).
Máis información acerca das actividades conmemorativas das Letras Galegas 2014 impulsadas pola Xunta de Galicia aquí.