Nova: Berrogüeto, Antón Pulido, Lois Patiño e Xosé María Lema, entre os gañadores dos Premios da Crítica Galicia

11/10/2014

Berrogüeto, Antón Pulido, Lois Patiño e Xosé María Lema, entre os gañadores dos Premios da Crítica Galicia

Ciclo Poetas D(in)versos, Xosé Ramón Freixeiro Mato e Grupos Cuevas, entre o resto de galardoados

  • Premios da Crítica de Galicia 2014 Os galardoados cos Premios da Crítica de Galicia 2014
  • O titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presidiu hoxe o acto de entrega destes galardóns O titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presidiu hoxe o acto de entrega destes galardóns
  • O titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presidiu hoxe o acto de entrega destes galardóns O titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presidiu hoxe o acto de entrega destes galardóns
  • O titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presidiu hoxe o acto de entrega destes galardóns O titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presidiu hoxe o acto de entrega destes galardóns

Vigo, 11 de outubro de 2014.- O escritor José María Lema, o pintor Antón Pulido, o grupo folk Berrogüeto e o director vigués Lois Patiño foron algúns dos artistas galardoados na trixésimo edición dos Premios da Crítica de Galicia 2014.

Ademais, resultaron gañadores Estilística da lingua galega de Xosé Ramón Freixeiro Mato, na modalidade de Premio de Investigación; “Ciclo Poetas D(in)versos”, Premio de Iniciativas Culturais; e “Grupo Cuevas”, Premio de Cultura gastronómica, na que o Centro Superior de Hostelería de Galicia quedou finalista.

Recoñecer a excelencia

Os Premios da Crítica creáronse para recoñecer a excelencia da produción anual da cultura galega nos eidos da creación literaria, a investigación, a música, as artes plásticas, as artes escénicas e as iniciativas culturais. Ademais, nesta edición, a Fundación da Crítica Galicia decidiu crear a modalidade ‘Cultura gastronómica’ coa que recoñecer as iniciativas destacadas neste eido.

Os xurados de cada unha das modalidades destes premios están formados por persoas coñecedoras de cada ámbito e realizan o seu traballo para a Fundación de xeito desinteresado.

No ámbito da ‘Cultura gastronómica’, considéranse premiables todas aquelas iniciativas de cultura gastronómica desenvolvidas ao longo do ano 2013. Así mesmo, considéranse premiables todas aquelas persoas e entidades do eido da cultura gastronómica que, contando cunha traxectoria iniciada con anterioridade, ofrecesen dentro e fóra de Galicia un fito destacado durante o ano 2013.

O Centro Superior de Hostelería de Galicia

O Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG) é un centro de ensinanza superior que forma directivos hostaleiros e xestores en cociña cunha metodoloxía moderna e eficaz, coa que o alumnado pode acadar os máis altos niveis de profesionalidade activa na súa futura profesión.

A importancia estratéxica do turismo en Galicia e a necesidade de contar con directivos especializados en xestión hoteleira foron os motivos que levaron ao Goberno galego a decidir a creación do Centro Superior de Hostelería de Galicia en 1993. Dous anos máis tarde, poríase en marcha o primeiro curso académico.

Desde 1995, ano en que se puxo en marcha o primeiro curso de Diploma de Xestión de Empresas Hostaleiras, o CSHG formou a 2.000 directivos que desenvolven o seu labor en empresas hostaleiras e turísticas de todo o mundo.

Asistencia do presidente da Xunta
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, recoñeceu hoxe que os premios que outorga a Fundación Crítica Galicia 2014 son a demostración da vitalidade que ostenta a creación cultural na Comunidade, e de que a evolución do seu potencial creativo “se está dando de forma decidida con mulleres, homes e colectivos que exploran as novas facetas da creatividade nos diferentes ámbitos da cultura”. Así o manifestou no acto de entrega destes galardóns que, por primeira vez nos seus 37 anos de historia, inclúen a modalidade de ‘Cultura Gastronómica’.

Feijóo destacou que esa vitalidade cultural “está estimulada en boa medida polo papel da crítica especializada”, que realiza un traballo de escolla nas manifestacións culturais de Galicia nada doado, dixo, xa que, “por fortuna, contamos cun país de grandes creadores”. “Nomes sobre os que poñemos os ollos cun recoñecemento seguro do valor que nos achegan as súas obras e as súas realizacións”, subliñou.

O mandatario galego animou á Fundación Premios da Crítica Galicia a seguir por este camiño porque “unha boa maneira de seguir estimulando e incentivando a creación cultural é premiar a excelencia”, asegurou, como tamén o está a facer a Xunta de Galicia a través da convocatoria dos Premios da Cultura Galega. “A nosa terra sempre atopou un punto de encontro fundamental na cultura, tanto en momentos prósperos como en tempos de dificultade. Galicia segue contando con creadores que nos volven recordar que estamos unidos arredor dun gran país”, apuntou.

 

Comparte