Nova: A Asociación de Amigos do Camiño de Santiago en Xapón, galardoada co XIX Premio Elías Valiña
13/10/2014
A Asociación de Amigos do Camiño de Santiago en Xapón, galardoada co XIX Premio Elías Valiña
Supón un recoñecemento institucional e social ao esforzo por protexer, revitalizar e fomentar o coñecemento dos valores propios dos itinerarios xacobeos
O xurado distinguiu a esta entidade pola seu labor de difusión e promoción da ruta xacobea, e pola actividade que realizan para asesorar e colaborar cos peregrinos que chegan desde Xapón a Compostela
Santiago, 13 de outubro de 2014.- O xurado do XIX Premio Elías Valiña, convocado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, vén de galardoar -entre as tres candidaturas presentadas- o galardón á Asociación de Amigos do Camiño de Santiago en Xapón, pola súa esforzada actividade para promover, difundir, asesorar e colaborar cos peregrinos que dende Xapón se ven motivados a realizar a ruta de peregrinación a Santiago de Compostela, das que se expediron máis de 1.500 credenciais. Así mesmo, o xurado acordou recoñecer o traballo de posta en valor do camiño cunha mención especial para Paolo Caucci, presidente do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, catedrático de cultura hispánica na Universidade de Perugia, un dos meirandes coñecedores e estudosos da temática xacobea dende o ámbito científico e responsable dunha grande cantidade de actividades de promoción, difusión e coñecemento dos Camiños de Santiago.
O pioneiro Elías Valiña
O premio, dotado con 10.000 euros, serve como homenaxe a Elías Valiña Sampedro, promotor sobranceiro da recuperación dos Camiños de Santiago. Ao tempo, ten por obxecto o recoñecemento do esforzo revitalizador e promocional de entidades asociacións e fundacións arredor dos Camiños de Santiago, entendendo como tal tanto os traballos realizados na protección na súa dobre vertente de conservación material e recuperación, o fomento do coñecemento e a potenciación dos valores sociais, espirituais e solidarios propios dos camiños.
O xurado desta edición estivo composto por especialistas de recoñecido prestixio na materia, como son Robert Plötz, membro do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, Antón Pombo Rodríguez e Francisco Singul Lorenzo; representantes de asociacións como a Asociación de Amigos del Camino de Santiago de Median de Rioseco, da Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés e a Fundación Misterio de Obanos (Navarra); así como representantes da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.
Os Camiños desde Xapón
Creada en 2008 e con 230 membros en 2014, a Asociación de Amigos do Camiño de Santiago en Xapón realiza numerosas actividades de preparación tanto física como práctica para peregrinar a unhas terras que resultan tan afastadas e estrañas para as súas tradicións, e mesmo ten editado unha guía do Camiño Francés en xaponés. Así mesmo, o xurado destacou o seu labor no eido social, con actividades dirixidas a estudantes de bacharelato que sufriron as consecuencias dos tsunamis de 2011, cos que se colabora para que poidan realizar a viaxe de peregrinación a Santiago de Compostela.
O premio á Asociación de Amigos del Camino de Santiago de Xapón tamén quere recoñecer a actividade das asociacións que está a abrir a experiencia e os valores do camiño a outras culturas, o que se ven manifestando nun importante incremento dos peregrinos destes países e na súa internacionalización e coñecemento.
Un galardón internacional
Puideron optar a este premio as asociacións que acrediten unha actividade continuada de polo menos cinco anos e que destaquen no conxunto dos criterios de avaliación, que son: intervencións encamiñadas á protección do patrimonio; accións de divulgación, difusión e fomento do coñecemento entre a cidadanía; actividades de investigación, documentación e fomento do coñecemento do Camiño e o fenómeno xacobeo entre a comunidade especializada e científica; así como tarefas de sensibilización e fomento do asociacionismo con finalidades relacionadas co xacobeo e organizacións de peregrinacións e outras actividades para membros simpatizantes; e, por último, actuacións orientadas ao fortalecemento dos valores intrínsecos do camiño na súa dimensión espiritual, social e solidaria.
Cómpre salientar que o galardón é moi apreciado polo seu simbolismo no campo da dinamización asociativa xacobea, tanto dentro como fóra das nosas fronteiras. De feito nos últimos anos, ademais da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago de El Bierzo, recibiron o premio asociacións estranxeiras procedentes de Gran Bretaña, Francia, Alemaña e Bélxica.