Nova: Comeza o Consejo de Patrimonio Histórico que se celebra estes días na Ribeira Sacra

04/04/2019

Comeza o Consejo de Patrimonio Histórico que se celebra estes días na Ribeira Sacra

O director xeral de Belas Artes do Ministerio de Cultura e Deporte, Román Fernández-Baca, preside a reunión na que participan os directores xerais de Patrimonio Cultural de todas as comunidades autónomas

Nogueira de Ramuín (Ourense), 4 de abril de 2019.- O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, participou hoxe na apertura do Consejo de Patrimonio Histórico que se celebra estes días no Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, na Ribeira Sacra. Integran esta reunión, que está presidida polo director xeral de Belas Artes do Ministerio de Cultura e Deporte, Román Fernández-Baca, os directores xerais de Patrimonio Cultural de todas as comunidades autónomas.

Na súa intervención, o titular de Cultura e Turismo salientou os valores da Ribeira Sacra e o intenso e importante traballo técnico que desde a Administración autonómica se vén realizando para definir todos os aspectos da candidatura da Ribeira Sacra para que sexa incluída na Lista do Patrimonio Mundial da Unesco.

“Quero lembrar que nos encontramos nunha zona que destaca polo seu patrimonio natural, pero tamén polo seu importante patrimonio arquitectónico”, subliñou Román Rodríguez que, ademais, explicou que na Ribeira Sacra existe unha das maiores concentracións de construcións relixiosas de estilo románico de Europa. “Podemos atopar nesta zona máis de 1.200 bens singulares e é precisamente a amplitude e riqueza destes bens a que fai que na Xunta confiemos nesta candidatura”, sinalou.

Despois da apertura da sesión, na que tamén participou o alcalde do Concello de Nogueira de Ramuín, José César Parente Pérez, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o deputado da área de Goberno Interior e Relacións Institucionais da Deputación de Lugo, Álvaro Santos, os membros do Consejo comezaron a súa reunión. A orde do día inclúe a exposición por parte do equipo da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia dos aspectos técnicos da candidatura da Ribeira Sacra.

Consejo de Patrimonio Histórico

Este órgano entre a Administración do Estado e as Comunidades Autónomas ten como finalidade especial facilitar a comunicación e o intercambio de programas de actuación e información relativos ao Patrimonio Cultural Español e nel están representados todos os directores xerais con competencias en materia do patrimonio cultural das distintas autonomías españolas, xunto cos representantes do Ministerio de Cultura e Deporte.

Comparte