Nova: Primeiro paso para a recuperación do xacemento arqueolóxico de Lavandeiras (Xove)

11/04/2019

Primeiro paso para a recuperación do xacemento arqueolóxico de Lavandeiras (Xove)

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, sinalou que a recomendación de Patrimonio é a de retirar o recheo de terras que cubre o xacemento

O achado presenta unha estrutura arquitectónica prehistórica de planta circular (henge) e cuxa cronoloxía se remonta, cando menos, á Idade do Bronce tardía 

 

 

Lugo, 7 de marzo de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de licitar, a través da publicación no portal de contratos de Galicia, a obra de retirada de recheo sobre o xacemento arqueolóxico de Lavandeiras, no termo municipal de Xove, para a que reserva un orzamento que supera os 212.300 euros.

A iniciativa prevé recuperar este espazo de interese arqueolóxico, do que non se tiña constancia, descuberto no transcurso das obras de construción do primeiro treito lucense do corredor da costa, en concreto o treito entre San Cibrao e Celeiro da vía de altas capacidades (VAC) Costa Norte.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que unha vez detectada a presenza do novo elemento patrimonial, a administración autonómica promoveu distintos traballos de prospección arqueolóxica seguindo as pautas marcadas pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural que, una vez finalizados, ditaminou a necesidade de retirar o recheo de terras que cubre este xacemento.

De feito, o obxectivo do contrato é a retirada de entorno a 13.000 metros cúbicos de terra acumulada sobre o xacemento de Lavandeiras e o restablecemento ao seu estado inicial da superficie. Balseiro explicou tamén que, de xeito complementario, durante estes traballos realizarase un estudo arqueolóxico máis en profundidade dirixido á posta en valor deste espazo.

Como resultado da investigación arqueolóxica realizada deducise que o xacemento presenta unha estrutura arquitectónica prehistórica de planta circular (henge) e cuxa cronoloxía se remonta, cando menos, á Idade do Bronce tardía.

Esta tese queda confirmada por variedade de evidencias estruturais exhumadas que nos indican a creación dun espazo circular ben delimitado. A este carácter construtivo hai que sumar o carácter ocupacional do recinto, ratificado, entre outras evidencias, polos materiais localizados (basicamente fragmentos cerámicos), os cales nos remiten de novo á fase media e final da Idade do Bronce.

Comparte